
Este venres a Xunta de Goberno Local de Gondomar deu luz verde á segregación dos terreos da Capela de San Xosé de Prado, en Morgadáns, propiedade do Bispado, e que acolle tamén o local social da Comisión de Festas de Prado. No ano 2007 este local social foi denunciado no Concello por estar construído en terreo rústico. Dous anos máis tarde, no 2009, o alcalde Martín Urgal remitiu o expediente de infracción urbanística á APLU, que abriu expediente de reposición da legalidade, baixo apercibimento de multa coercitiva, que foi imposta ao Bispado ata en dúas ocasións.
Dende a Entidade Local Menor iniciáronse os trámites de negociación co Bispado para adquirir a propiedade dos terreos incluíndo o local, e asumir así as responsabilidades derivadas deste expediente sancionador, comezando paralelamente o Concello a tramitación dun plan especial de infraestruturas e dotacións da zona para a súa legalización que segue en curso á espera de diferentes autorizacións autonómicas para a súa aprobación definitiva.
Ao mesmo tempo para poder formalizar a compra destes máis de 8.000 metros por parte da Entidade Local Menor foi preciso levar a cabo a segregación desta parcela, previa licenza municipal que este venres foi concedida na Xunta de Goberno Local, tras un ano de espera polo informe de Patrimonio da Xunta de Galicia, que entrou no Rexistro do Concello o luns día 8 de maio.
Deste xeito a Entidade Local Menor de Morgadáns poderá xa retomar os trámites para a adquisición desta parcela de 8.831m2 por un valor de 26.500 euros, que inclúe un inmoble sobre o que recae un expediente por parte da Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística da Xunta de Galicia (APLU). Unha vez que a Entidade Menor se faga coa titularidade dos terreos o Concello iniciará a tramitación dun plan urbanístico especial co obxectivo da definitiva legalización do inmoble no que actualmente ten a súa sede a Comisión de Festas.