A candidata do PP á alcaldía de Nigrán, María José Pino, recoñece que sempre sae a gañar, que é a mellor das actitudes para afrontar as municipais de maio. Di que o importante na política local é “estar sempre cos veciños. Eu creo que o meu teléfono o ten todo o mundo e gústame que me chamen si hai algún problema. Creo que esa é a actitude que se necesita en Nigrán”. E nese contacto coas persoas na rúa percibe que “a xente está moi animada”, de feito chámana “para ir a unha parroquia e outra”.
Do seu concello gústalle todo: “as praias, o centro, Chandebrito, os petroglifos… Nigrán ten todo, eu estou namorada do meu concello”. Con todo, di que bota cousas en falta, “en cada parroquia necesítase algo. Hai que darlle un cambio”. Como exemplos, indica que “a parroquia de Panxón non ten aparcadoiro. O pouco que ten non chega. Os veciños na zona onde están os restaurantes quéixanse porque hai un problema. No inverno, aínda vas tirando, pero é que no verán é imposible. Na zona da Ramallosa, que é da parroquia de San Pedro, hai que axudar aos pequenos empresarios porque necesitan un impulso. E temos un pulmón na zona industrial, pero non temos vivenda. O PXOM está sen aprobarse. Moita xente quere vir a Nigrán, pero temos problemas porque non hai vivendas”.
De feito, este é un dos seus principais compromisos coa veciñanza: “no meu primeiro ano como alcaldesa o Plan Xeral quedará aprobado”. Defínese como “unha persoa leal, amiga dos meus amigos e moi traballadora”. Entre as súas afeccións, están xogar ás cartas, de feito foi campioa de tute na súa parroquia. “Encántame xogar ás cartas, no meu tempo libre procuro desconectar xogando unha partida coa familia ou con amigos. Encántame pasear, pero as cartas…”. Para unha partida retaría “a Ayuso, que me encanta, ou a Feijóo ou Rueda, tiro para a casa”.
Ademais das cartas e de pasear polas parroquias, tamén lle gusta ver series e películas e ler. Actualmente está lendo Paseando por Nigrán e Volver a empezar, os dous escritos por mulleres de Nigrán. “En Nigrán temos de todo… Equipos de fútbol, escritores, algún compositor… Temos de todo. Estamos como queremos”.
UN NOVO FORMATO PARA COÑECER DE PRETO AOS CANDIDATOS
O podcast en Primeira Persoa é unha idea orixinal do Partido Popular de Galicia na que diferentes candidatos das provincias galegas teñen a oportunidade de ser entrevistados nun formato directo, dinámico, e adaptado ás novas formas de comunicación que ofrece o universo transmedia. A máxima coa que se expoñen estas entrevistas é que os veciños poidan coñecer á persoa que hai detrás do político e escoitar aos seus candidatos nun ton informal e próximo, máis aló de discursos políticos e ideoloxías.

