Baiona logra novos fondos Next Generation para acondicionar Monte Boi e unha guía turística interactiva

O Concello de Baiona acadou unha nova partida de fondos Next Generation da UE, neste caso de case 60.000 euros para dous proxectos destinados a unha actuación no paseo de Monte Boi e a poñer en marcha unha nova guía dos seus recursos turísticos. En concreto, o Concello obtivo 58.385,76 euros a través dunha convocatoria aberta pola Xunta de Galicia para “accións de embelecemento do litoral”, financiada con fondos europeos. “Moi satisfeitos de que, como xa pasara coa humanización de Santa Liberata, os proxectos presentados polo Concello de Baiona saísen adiante”, asegura o alcalde, Carlos Gómez Prado.

Unha das partidas, de 43.385,76 euros, destinarase á recuperación de Monte Boi. “A actuación consistirá nun tratamento para a eliminación das plantas invasivas do paseo e a súa contorna”, explica o alcalde, que adianta que “posteriormente levaremos a cabo unha reforestación do espazo”. A segunda partida da subvención, de 15.000 euros, servirá para “contar cunha guía interactiva de sinalización dos nosos recursos turísticos, que contarán todos eles cun código QR e estarán localizables a través dunha aplicación no Google Maps”.

“Son dúas accións das que se beneficiarán os veciños e veciñas de Baiona, que cada día pasean por Monte Boi, e os turistas que chegan á nosa vila”, engade Gómez Prado.