Aforo completo na festa de “Un paseo por Gondomar” con Solaina

Máis de douscentos cincuenta libros repartíronse entre as nenas e nenos do Val de Miñor que onte festexaron o Día do Libro en Gondomar coa escritora e poeta Soledad García, a ilustradora Laine Villero e a deseñadora Natalia Guisande. Soledad García destacou a figura do conde Diego Sarmiento de Acuña, protagonista do libro “Un paseo por Gondomar” e a importancia de preservar o patrimonio ambiental e arqueolóxico de Gondomar. A trama do libro conta que o pequeno trasno da Casa Peralba atopa escrito no libro máis vello da biblioteca que un trasno de lume virá queimar Gondomar. A partir de aí entre petróglifos, ríos, pazos e pontes buscarán axuda para loitar contra este terrible meigallo a través de experimentos científicos.

O fundador de Xerais Xulián Maure e o arqueólogo do Instituto de Estudos Miñoráns Xilberte Manso, foron aplaudidos polos pequenos lectores que miraban inquedos as súas sabias palabras, sobresaíndo que “Un paseo por Gondomar” pecha o proxecto “Garatuxas do Val de Miñor” na defensa medioambiental da nosa lingua e do patrimonio das Terras de Turonio. O rexedor local Paco Ferreira destacou o traballo de Solaina e que “Un paseo por Gondomar” sexa un referente para mostrar a riqueza das dez parroquias e as súas xentes a través deste libro lúdico e educativo que xoga coa ciencia e a lectura a través de experimentos científicos para destacar a importancia de Gondomar.

O grupo artístico Solaina agasallou a todos co pasaporte literario, outra das súas novidades que a modo de marcapáxinas visibiliza o proxecto “Garatuxas do Val Miñor”. Ciencia e Movemento celebrou varios dos obradoiros de experimentos científicos que se atopan ocultos no libro: masa non newtoniana, crear unha ponte romana e fractais, entre outros, baixo o lema “Prohibido non tocar”. A gran Festa do Libro de Gondomar xerou moitas sinerxias entre as e os asistentes, dende centros escolares ata personalidades doutras localidades que viñeron coñecer este proxecto que ten sona ata en Berlín.

Cabe destacar que Solaina iniciou o proxecto “Garatuxas” hai tan só ano e medio, o 16 de outubro de 2021 con “Dedas”, o libro que medra, e onte posiciouse nas Feiras do Libro do Val de Miñor como un referente cultural da comarca: tres roll-up en ruta para dar coñecer a Artai, o garrano da Serra da Groba de “Un paseo por Baiona” e “A walk in Baiona”. Calíope, a serea de “Un paseo por Nigrán” na Feira do Libro de Nigrán, e Diego, o trasno da Casa Peralba na Festa do Libro con “Un paseo por Gondomar”. Todos os libros conteñen actividades e rutas descargables da escritora Soledad García.