O CPI Cova Terreña de Baiona é un claro exemplo de como un centro educativo pode chegar a converterse en toda unha institución dentro dun municipio. E é que polas súas aulas pasaron a inmensa maioría dos seus veciños, en concreto máis de 4.400 alumnos desde a súa inauguración en 1973, algúns xa pola súa terceira xeración. Este ano está de aniversario, cumpre nada menos que 50 anos axudando a construír persoas e celebrouno na mañá de onte venres cunha cerimonia que desbordou emotividade polos catro custados para homenaxear a súa traxectoria, pero tamén a todos aqueles que loitaron por manter vivo o seu espírito educativo, desde a transición á actualidade pasando por unha pandemia, varias reformas e mesmo traslados e con mencións para profesores, pais e ex-alumnos. Durante pouco máis dunha hora proxectáronse vídeos, os escolares do grupo musical Cova Terreña interpretaron varios temas como “Let It Be” de John Lennon, “What a Wonderful World” de Louis Armstrong e mesmo converteron a membros honoríficos do centro ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e ao alcalde da vila, Carlos Gómez, ao que ademais entregaron o seu expediente académico de maneira simbólica, así como senllas bolsas para selar o vínculo.
A directora do colexio baionés, Isabel Martínez, lembrou os inicios do centro con figuras como Joaquín Maestro, Carlos Estévez ou Adela Mirás, Paz Rodríguez, entre outros, “os seus fundadores”. Os sucesivos cambios aos que foi sometido, así como a súa actualización tecnolóxica fixeron posible que hoxe o Cova Terreña participe activamente en varios programas de innovación educativa. Precisamente, a Comisión de Honras e Distincións de Baiona acaba de concederlle a Medalla de Ouro en recoñecemento á súa actividade.
Gómez, pola súa banda, agradeceu o labor que realiza no día a día o equipo docente e as ANPAS e por “a educación feita”. “A decisión tomada onte na comisión foi un acto de xustiza”, manifestou referíndose á concesión do distintivo.
O xefe da área educativa da Xunta pechou a quenda de intervencións destacando os cambios no plano educativo e social dos últimos 50 anos, así como a pegada que deixa o paso polo colexio a todos e cada un dos membros da sociedade, da importancia das amizades deste período, “moitas delas para toda a vida”, entre outros puntos. “Hoxe é un día de emoción, para presumir”, destacou. Para rematar, o xefe territorial de educación, César Ares; acompañado do equipo docente, convidados, Jesús Vázquez Almuíña e resto de presentes no acto dirixíronse ao exterior onde os esperaba o resto do alumnado para asistir á interpretación do “Gaudeamus Igitur” do grupo de música.





