Nigrán reabre este sábado o mercado de Patos con 20 postos agroalimentarios autorizados

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Explanada na que se celebra o mercado de Patos.

O Concello de Nigrán autoriza a reapertura do tradicional mercado ao aire libre de Patos para este sábado 16 de maio despois de dous meses pechado pola crise sanitaria do Covid-19. Así, a feira arrancará con vinte postos agroalimentarios convenientemente delimitados para que permitan gardar distancias de seguridade, tal e como se regula nesta Fase 1 de desconfinamento. A apertura coincide co inicio este luns da popular feira de Sabarís en Baiona, polo que os principais mercados da comarca regresan a unha nova normalidade (o téxtil aínda non está permitido).

“Pouco a pouco iremos retomando a normalidade se seguimos mantendo as máximas medidas de prevención, temos unha cidadanía responsable e estou seguro de que seguirá sendo así porque xa o amosaron antes nos seus paseos ou coa apertura de comercios e terrazas”, explica o alcalde, Juan González.