O BNG aposta por lle devolver a vida ao comercio local e de proximidade en Gondomar

O BNG aposta por lle devolver a vida ao comercio local e de proximidade en Gondomar dende o convencemento de que a actividade comercial, ademais de crear postos de traballo e pular da economía local, contribúe a dar ambiente e personalidade a unha vila e incide na maior calidade de vida da súa veciñanza. “É fundamental, pois, a súa dinamización desde o goberno municipal con medidas que contribúan ao seu desenvolvemento e subsistencia”, indica a portavoz municipal e candidata do BNG á vindeiras municipais.

O BNG considera lamentábel que, na actualidade, con máis xente que nunca vivindo en Gondomar, haxa a diario menos xente na rúa, menos actividade social e económica e menos servizos. “Diante deste persistente e continuado peche de negocios na vila, está a coller corpo no concello a consideración de que Ferreira vai pasar á historia por ser o alcalde que acabou coa vida comercial de Gondomar”, apunta Rodríguez.

Nun vídeo que a organización nacionalista vén de presentar (https://i.gal/ZRI7N), e que se pode consultar na canle BNG Gondomar en YouTube, recóllese un resumo de moitas das preocupacións que representantes do sector trasladaron na reunión coa Portavoz de Comercio no Parlamento galego, Carmela González, celebrada o pasado mes de marzo e na que se analizou a situación comercial na zona urbana do concello e tamén nas parroquias, que viron como desaparecían case todas as tendas e negocios.

Desde o BNG explican que recolleron as propostas para o sector que representantes da pequena empresa local lles trasladaron, “e fixemos algo tan simple como reunirnos para o escoitar. Algo que non foi quen de facer o actual goberno local, nin sequera nos peores momentos cando a pandemia os mantivo fechados”.

“No BNG apostamos pola dinamización do comercio e do emprego local” a través da posta en marcha dun centro comercial aberto que agrupe os establecementos do pequeno comercio, tamén o tradicional ou artesanal, situados nas rúas das zonas urbanas de Gondomar, de xeito que ofrezan unha imaxe e estratexia unitaria da oferta ampla e diversa, con servizos comúns e colectivos. Dende a realización de actividades, comunicacións ou campañas de promoción unitarias, a edición de tarxetas ou bonos, o servizo de venda online, até uso gratuíto de carriños da compra comunitarios.

Para o BNG as visitas periódicas aos establecementos seguirán a ser de obrigado cumprimento, “porque non se pode gobernar dende o Facebook nin dende un despacho”, e só se pode realizar unha axeitada acción de goberno coñecendo de primeira man os problemas e as necesidades do comercio local “que non se resolven colocando bancos intelixentes na rúa”.

Nesa liña, consideran tamén imprescindible o impulso do Consello Municipal do Comercio como órgano consultivo e de elaboración de propostas sobre plans, proxectos e iniciativas de actuación municipal no ámbito comercial, onde teñan participación todos os colectivos implicados, tanto económicos e sociais como de consumo. “Ese é o noso compromiso co pequeno comercio local”, indican desde o BNG, “para devolver a vida á vila de Gondomar”.