Baiona pechou o ano 2022 cuns datos históricos de ocupación turística e o 2023 será mellor, tendo en conta os datos de Semana Santa, a Arribada e as previsións para a tempada alta. Despois do 100% de ocupación na semana da Arribada, Baiona pechou a Semana Santa cunha ocupación media superior ao 73% do xoves a domingo (doce puntos máis que en 2022), e do 65% os sete días (dez puntos máis que o ano pasado), segundo os datos da Oficina de Turismo e do Observatorio de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra. É o preludio dunha tempada alta que superará os datos do ano pasado, que xa bateron récords históricos cunha ocupación do 69% en maio; 69% en xuño; 88% en xullo; 96% en agosto, e do 80% en setembro.
“As previsións son moi optimistas polas reservas que xa teñen confirmadas os hoteis e as residencias de uso turístico; superaremos o 75% de ocupación durante cinco meses consecutivos, algo moi importante para unha vila como a nosa, que vive en gran parte do turismo e o sector servizos”, explica o alcalde, Carlos Gómez Prado. No ano anterior á pandemia do coronavirus, o 2019, as cifras de ocupación foron do 51% no mes de maio; 57% en xuño; 67% en xullo; 88% en agosto, e baixaron ao 33% en setembro. Estes datos situaban a Baiona por debaixo de Sanxenxo e O Grove.
A situación mudou tras a pandemia. As porcentaxes de ocupación de Baiona xa foron superiores a Sanxenxo e O Grove nas temporadas estivais de 2021 e 2022. “Estes datos avalan a nosa aposta por desestacionalizar o turismo con diferentes eventos e actividades para facer do municipio un destino máis verde, máis competitivo e máis sostible. Sobre estes tres piares xira a nosa folla de ruta nun sector clave para a economía local e o crecemento da vila”, engade o alcalde. Entre as iniciativas postas en marcha para desestacionalizar o turismo na vila, destacan os safaris de garranos, os roteiros “Baiona Natural” e o calendario de eventos culturais e de lecer ao longo do ano.

