Os percebeiros de Baiona defenden en Santiago o futuro de máis de 115 familias da vila

A Confraría de Baiona manifestouse esta mañá en Santiago de Compostela en defensa da actividade dos percebeiros da vila, dos que dependen máis de 115 familias. Contaron co apoio do alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e doutros membros do grupo de goberno local. O alcalde demanda á conselleira do Mar, Rosa Quintana, “que ratifique por escrito e antes das eleccións municipais do 28 de maio o acordo ao que chegou cos percebeiros da nosa vila”.

Rosa Quintana comprometeuse nun encontro coa Confraría de Baiona “a respectar as zonas vedadas á extracción de mexilla, pero polo momento o seu compromiso é papel mollado, un compromiso verbal”. O grupo de goberno local apoia as reivindicacións da Confraría de Baiona e do seu patrón maior, Roberto Cabral, xa que da actividade percebeira dependen máis de 115 familias da vila.

Xunto a outras confrarías, esixen á Xunta de Galicia desde hai semanas que se respecten as zonas vedadas á extracción de mexilla, que agora están recortando desde a Consellería de Pesca polos problemas dos bateeiros. “Os percebeiros de Baiona necesitan traballo e actividade, sobre todo cando os tramos de litoral que teñen reservados en Galicia supoñen só o 16% do total”, lembra Gómez Prado.

“Non é admisible apoiar a un sector a costa de prexudicar a outros; os percebeiros esixen o cumprimento da normativa actual e que se respecten escrupulosamente os plans de xestión do percebe, que a Xunta modifica sen informes técnicos que avalen esta decisión. Ou, cando menos, non fai públicos estes informes”, remata o alcalde.