O Concello de Nigrán estreará este xoves 13 de abril ás 17:00 horas na súa canle de Youtube o primeiro dos tres documentais da serie “Nigrán na Memoria”, o correspondente a Esther Nande, a derradeira campaneira do Val Miñor, en activo na igrexa de Santiago de Parada. A curta, de 20 minutos de duración e coa seguinte ligazón https://youtu.be/DrqfCesJNoU será pendurada á súa vez na web do Concello http://www.arquivoaudiovisualnigran.org, creada no 2021 co obxectivo de recuperar e preservar o pasado máis recente do municipio e, por outra banda, difundilo (ao mesmo portal se subirá proximamente o da última muiñeira de Camos, Rosa de Malde, e a última redeira de Panxón, Rosalía González).
“Ao igual que temos un arquivo histórico de imaxes de Nigrán, agora estamos a documentar oficios, tradicións e costumes que están a desaparecer e que forman parte da nosa esencia”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que “é un traballo contrarreloxo para chegar a tempo de recoller en primeira persoa os relatos sobre o patrimonio material e inmaterial do municipio”. Neste sentido, o mes pasado o Concello estreaba “A memoria da auga”, outro documental de relatos sobre a singular actividade muiñeira na parroquia de Chandebrito (tamén dispoñible en http://www.arquivoaudiovisualnigran.org).
No 2022 a UNESCO declarou o toque manual de campás en España como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade e, precisamente, Esther Nande e a única campaneira en activo do Val Miñor, comarca na que esta tarefa recaía tradicionalmente nos homes. “Levo 40 anos de oficio en Parada (Nigrán), empecei porque o meu fillo era sancristán e para que el non perdera cole. A señora Esperanza, que vivía fronte á Igrexa, foi a que me ensinou”, explica Nande neste documental, onde amosa algúns dos diferentes toques, como poden ser tocar a morto (distinguindo home ou muller), chamada á Misa, días de Pascua… “O único que eu nunca tiven que tocar é a morte dun recén nacido”, resume ao tempo que aclara que “non se toca igual en Parada que en Camos, que en San Pedro”, lugares todos onde as campás funcionan xa de modo automático e non manual. “É un oficio moi preso e hai que estar forte”, resume.

