Sin categoría

O BNG de Gondomar propón a gratuidade da AG-57 como alternativa durante as obras contra as inundacións

O BNG de Gondomar insta á Xunta de Galicia a habilitar a AG-57 como alternativa durante as obras destinadas a reducir o risco de inundacións no concello, que suporán a demolición da ponte da rúa de Curros Enríquez. A organización nacionalista lamenta que nin o Goberno galego nin o municipal conten cun plan para canalizar o intenso tráfico que circula a diario por esta vía.

“Nin a estrada Vincios-Couso nin o centro de Gondomar poden soportar tanto vehículo, e os camións e autobuses simplemente quedarían atascados”, advertiu a concelleira e candidata do BNG á Alcaldía de Gondomar, Manuela Rodríguez, que alertou do “grave problema de seguridade” que vai provocar durante o tempo de execución da obra, cunha duración prevista dun ano como mínimo.

Rodríguez solicitou nese sentido unha reunión urxente co Concello e a Xunta para explorar alternativas que, a xuízo das nacionalistas, pasan por dar acceso “libre e gratuíto” á AG-57 para convertela nunha circunvalación de uso obrigatorio para todo o tráfico que non teña como destino a vila de Gondomar.

Dende a fronte nacionalista urxen a buscar unha solución antes de que comece a demolición da ponte da rúa de Curros Enríquez e a construción dunha nova de máis amplitude para facilitar o paso da auga en momentos de enchente na zona en que se xuntan as canles dos dous ríos.