O Concello de Nigrán abre este venres 31 de marzo ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o seu ciclo “Un ano de humor” cos monólogos de Oswaldo Digón e Jazmín Abuín. Os seguintes en acudir serán Pepo Suevos (21 e 23 de abril) e Sergio Pazos e Cristina Maró (28 de abril). Todos serán de balde ata completar o aforo.
Oswaldo Digón é un actor, guionista, presentador e monologuista galego cun humor moi teatral. É capaz de escenificar todos os detalles nas súas historias. Actualmente está a combinar a representación do seu espectáculo de humor “Diálogos EN 3D” en Madrid, e tamén en Barcelona con “As noites do Club da Comedia”. O monologo que trae a Nigrán leva por título “Ansia Viva” e é un texto de comedia que fala con moito humor e liberdade de algo moi persoal, e que todas e todos padecemos ou padecemos nalgunha ocasión, a ansiedade. Alguén dixo algunha vez, que “O que mellor manexe a incerteza será feliz”. Desde logo unha das mellores maneiras para afrontar esa incerteza e preocupación é a comedia e este monólogo demóstrao.
Jazmín Abuín é actriz, cantante e xornalista. As tres cousas apaixónana desde nena porque ve nelas unha arma poderosa para comunicar pensamentos, ideas, sentimentos e preocupacións. En clave de drama, de comedia, de reportaxe, de composición musical… O que cambia é o formato, pero a esencia é a mesma. Facer pensar, sentir, reflexionar, rir, ou todo iso ao mesmo tempo. Pero o humor ten un “superpoder” especial. Libera. Fai que, durante un intre, viaxemos a un lugar sen xuízos nin prexuízos, sen preocupacións. Durante un intre, non existe máis nada que a risa. Por iso, este é o mellor momento para apostar polo humor. Pola ironía. Pola retranca. Por contar “verdades” disfrazadas de “mentiras”.

