
Debido ás noticias publicadas en varios medios de comunicación o sábado 25 de marzo, as ANPAS dos centros Da Cruz, Carlos Casares e Humberto Juanes vémonos na obriga de publicar o seguinte comunicado e así aclarar certos datos incorrectos. En primeiro lugar, a proxección e licitación para a construción da cociña municipal situada nas instalacións do CEIP Plurilingüe Humberto Juanes, foi aprobada en pleno do concello o 1 de abril de 2019 por TODOS os grupos políticos representados no mesmo: Partido Socialista, Partido Popular, UC Nigrán, Nigrán Decide e Bloque Nacionalista Galego.
En segundo lugar, dende fai meses as tres asociacións asinantes deste comunicado vimos organizando concentracións na defensa e na procura dun servizo de comedor de calidade para os nosos fillos e fillas. Como é sabido por todos, unha ANPA é unha asociación de familias diversas en moitos aspectos, tamén no plano da ideoloxía política, xa que entre os nosos socios existen familias de todas as cores políticas, por iso atacar as nosas reivindicacións dende este plano, ademais de ser simplista, é incerto.
En terceiro lugar, despois de esgotar as vías burocráticas para intentar ser recibidos polos diferentes responsables da Administración competente na materia e poder así resolver o problema que os nosos pequenos sofren día a día nos comedores dos diferentes centros, obtemos por resposta o silencio máis absoluto, polo que non nos quedou outra forma de facernos oír que organizando concentracións pacíficas e apolíticas no noso concello.
As nosas peticións non mudaron dende fai meses e, para aclaralas unha vez máis, as enumeramos a continuación:
a) Que a Consellería dea resposta ás numerosas incidencias presentadas polas familias dos nosos centros en relación ás defectuosas condicións dos menús escolares. Por exemplo, falta de menús de dietas especiais, falta de bolos de pan, falta de pezas de froita, comida mal cociñada, comida conxelada, etc.
b) Que a Consellería de Educación ou o responsable de Comedores de Santiago ou o Xefe territorial se reúna cos representantes das ANPAS e nos dea as respostas que, ata agora, non recibimos.
c) Que a Consellería de Educación implemente un Plan de Control e Supervisión da Calidade do servizo para identificar as anomalías, intervir para resolvelas no menor tempo posible e establecer as medidas correctivas necesarias para que ditas incidencias non se volvan repetir.
d) Indicar nos novos pregos de contratación, que se están a redactar nestes momentos, a obriga, por parte da empresa adxudicataria, de utilizar a nova cociña situada no CEIP Plurilingüe Humberto Juanes para dar servizo así a todos os centros da zona.
Por último, o publicado en diferentes medios de comunicación o pasado sábado, día 25 de marzo, en relación á proposta que fai a Xunta de Galicia e que foi rexeitada polo Concello de Nigrán, non explica que dita proposta ten unha letra pequena que dende o PP de Nigrán omiten deliberadamente e póñenos ás ANPAS como meros bonecos en mans das distintas administracións. O que non se conta da proposta da Xunta de Galicia é que a Consellería oferta ao Concello que se faga cargo da xestión do servizo de comedor do Lote 21, cando esta é unha responsabilidade da Administración Autonómica; e por outra banda, dita oferta sinala que se firmará un acordo de COFINANZAMENTO co Concello, que non é o mesmo que COLABORACIÓN, polo que a Xunta ademais de desfacerse da xestión do servizo, aforraríase parte do custo do mesmo que tería que abonala o Concello de Nigrán, a cargo dos recursos propios do Concello e en detrimento doutras necesidades da poboación de Nigrán.
Por todo o expresado anteriormente, dende as ANPAS dos centros Da Cruz, Carlos Casares e Humberto Juanes, queremos pedir aos representantes políticos que non nos utilicen con fins partidistas; que non falten á verdade; e que salvagarden a saúde e o benestar dos nenos e nenas de Nigrán.
Fdo. ANPAS Da Cruz, Carlos Casares e Humberto Juanes