
Tras manterse na cabeza da clasificación desde o inicio da competición, o actual campión de España de J80, o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, do Monte Real Club de Yates, perdeu este domingo o liderado a mans do Fibra Coruña de Miguel Fernández Vasco, do Real Club Náutico da Coruña. Un fóra de liña do Alboroto na penúltima proba disputada, xunto coa entrada en xogo dun descarte, que permitiu ás tripulacións eliminar da clasificación o seu peor resultado, foron os elementos crave deste e outros cambios que se produciron na táboa.
A pesar dos sobe-baixa desta última xornada, hai cinco barcos que seguen destacando por encima do resto da frota na liguiña de monotipos do Monte Real. Son dous portugueses, o Marías de Manel Cunha e o 4 Jotas de Joaquim Moreira; e tres españois, o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, o Solventis de Malalo Bermúdez e o Fibra Coruña de Miguel Fernández Vasco. Todos volveron pelexar, este domingo, as tres probas disputadas. E é que tras a decepción vivida o sábado coa meteoroloxía, que non permitiu a celebración da xornada, este domingo as condicións foron axeitadas e os J80 saíron con máis ganas que nunca á auga.
O comité de regata fixo un primeiro intento de achegarse ao campo das illas Cíes para colocar alí o trazado, pero había bastante mar de fondo e moita onda, e finalmente optou por celebrar as probas dentro da baía de Baiona. Nesa localización, cun mar un pouco revolto pero cun vento do noroeste bastante estable, que se mantivo soprando con entre 10 e 12 nós, púidose dar saída a tres mangas do tipo barlovento sotavento, xa que a zona non permite, polas súas dimensións, un deseño trapezoidal axeitado.
A primeira das probas tivo de protagonistas ao 4 Jotas, ao Marías, ao Solventis, ao Alboroto e ao Bica de Chisco Catalán, patroneado nesta ocasión por Luis Pérez Canal. Todos mantiveron as súas opcións durante boa parte do percorrido, pero a vitoria final levoulla o Marías. Na segunda manga do día, na que o vento caeu algo en intensidade e metéuselle tixeretazo ao percorrido para facelo algo máis curto, producíronse varios foras de liña. Os máis destacados, polo que implicaron para a clasificación final, foron os do Alboroto, o Solventis e o Marías, que se xogaban os primeiros postos da táboa e con esta penalización corrían perigo de perdelos.
A proba, a sexta da competición, fixo ademais que entrase en xogo un descarte, que puxo as cousas aínda máis emocionantes para a última manga do día, a terceira, na que a loita máis encarnizada escenificárona o Alboroto de Ameneiro e o Fibra Coruña de Fernández Vasco. Xogábanse os postos de honra, sabíano, e foron a por todas, manténdose moi preto un do outro durante todo o percorrido. Finalmente os da Coruña lograron cruzar primeiros a liña de chegada e saltar da terceira á primeira posición, colocándose líderes da competición con 15 puntos.
A apenas un punto de distancia, con 16, aparece o Alboroto coa prata provisional; e o Solventis, con 22, ostenta o bronce. Os lusos Marías e 4 Jotas pechan o Top 5, con 30 e 37 puntos respectivamente. Así as cousas, tras tachar no calendario as cinco primeiras xornadas (das que unicamente se puideron navegar tres) da Liga de Inverno Baitra J80, á competición queda unicamente a etapa final, para a que haberá que esperar ata finais de maio. Será o día 27 cando se poñan en xogo, se as condicións permíteno, as tres últimas probas da liguiña invernal, e na que se entreguen os premios aos gañadores.
Antes diso, o Monte Real Club de Yates poñerá en xogo os seus dous primeiros trofeos da tempada, o Trofeo CdeC, o próximo 22 de abril; e o Trofeo Repsol, os días 29 e 30 de abril e 1 de maio. En ambas as dúas competicións, para as que xa está publicado o Anuncio de Regata e aberto o prazo de inscrición, os J80 volverán ter unha categoría propia na que competir en tempo real e seguir preparándose para o Mundial do próximo mes de setembro.