O Concello de Nigrán ofrece do 5 de abril ao 28 de xuño no Local Social de Vilaméan o obradoiro de vida activa para maiores “Coidándome”. Está dirixido a persoas xubiladas empadroadas no municipio, dispón de 18 prazas e o día da inscrición é o 29 de marzo de 9:00 a 12:00 na Oficina de Información Cidadá (planta baixa do Concello). Este desenvolverase os mércores de 10:00 a 11:30 horas e ten un custe total de 20 €. Durante o curso traballarase a autoestima e as habilidades sociais, o autocoidado físico, o aproveitamento óptimo do tempo de lecer, técnicas de relaxación, risoterapia, claves para unha boa alimentación…
Facer exercicio, manter a mente activa e non illarse socialmente son os tres eixos que os especialistas recomendan levar adiante para previr deterioracións cognitivas, e neles se basea o programa de cursos que desde a Concellería de Maiores ofrece o Concello de Nigrán neste novo local social de Vilameán e no da Ramallosa. O carácter fundamental é preventivo, e a súa finalidade é a de garantir unha maior calidade tratando de evitar ou atrasar a aparición de problemas de memoria, do deterioro cognitivo, do Alzhéimer e doutros problemas de saúde e de incapacidades (para estes casos o Concello dispón dun centro municipal en Panxón).

