O Concello de Nigrán estreou esta semana un parque biosaudable e un miradoiro na rúa Costiña como parte da humanización da rúa Otero Pedrayo. Os traballos de renovación da estrada, con 1.364.422 € de investimento a cargo do Concello (30%) e a Deputación (70%), incluíron habilitar este novo espazo municipal de 450 m2 constituído antes por un talude sen posibilidade de uso algún. O conxunto está formado por 6 elementos de exercicio, unha bancada e un miradoiro na parte superior con dous bancos de madeira cara Praia América.
Otero Pedrayo (vertebradora dos núcleos de Nigrán e Panxón) era coñecida por ter as peores beirarrúas da provincia, pasando do abandono absoluto á que estivo sometida durante décadas baixo a titularidade da Xunta (o Concello acadou o traspaso en xullo de 2020, despois contratouse o proxecto, licitouse e emprendéronse as obras) a ser desde este mes un viario de referencia nas humanizacións emprendidas polo goberno local.
“A transformación da rúa é absoluta, está irrecoñecible tras máis de 30 anos de abandono por parte da Xunta. Agora é unha estrada amable, accesible, con puntos de encontro para a veciñanza e incluso esta zona verde. Sabemos que as obras se demoraron moito máis do previsto, que causaron centos de inconvenientes, e pedimos desculpas por iso, pero o resultado é espectacular, dá gusto camiñar por ela. Fomos quen de facer en 18 meses o que a Xunta non fixo en máis de 30 anos”, considera o alcalde, Juan González.
A humanización comprendeu a completa renovación dos colectores de abastecemento e saneamento, creando a maiores unha rede separativa de pluviais que non existía. Así mesmo, deuse ao fin continuidade ás beirarrúas que rematan abruptamente á altura do Centro Antena (rúa Porqueira) mediante a creación dunhas novas que si cumpren a normativa de accesibilidade e en formigón pulido coloreado con canto en pedra, seguindo así a estética da súa veciña rúa Mariñeiro. Os pasos de peóns son, ademais, sobreelevados e con iluminación específica mediante una barra lateral co obxectivo de outorgarlles a máxima seguridade, tal e como xa fixo o Concello noutros do casco urbano.
Adicionalmente, renovouse o asfaltado en toda a rúa, cambiouse a iluminación LED con novos farois cun fuste personalizado co gravado en corte láser do escudo de Nigrán e eliminouse o tendido aéreo eléctrico e de comunicacións, desaparecendo os postes da estrada. A plantación de cerdeiras ornamentais en todo o percorrido das novas beirarrúas outorga a toda a zona unha imaxe máis amable, feito que se complementa con novo mobiliario urbano (bancos e papeleiras).



