A blogueira de viaxes estadounidense Talek Nantes visita Baiona

Se foses preguntarlle a Talek Nantes cal é a súa maior paixón, é probable que a súa resposta sexa o poder explorar o mundo máis aló do alféizar da súa xanela. Esta blogueira de EE.UU., concretamente de Nova York, viaxou ata Baiona para coñecer de primeira man os atractivos que ofrece a Vila Mariñeira. Falamos dunha persoa que inspira e descobre sitios con encanto, mar, montaña, natureza… e deleita coas súas instantáneas fotográficas, sempre dunha beleza extraordinaria. Simplemente vendo algunhas das súas imaxes, logran transportar aos seus seguidores a recunchos espectaculares do mundo. A experta en viaxes contará a súa experiencia en Baiona no seu blog, travelswithtalek.com, ao gran número de persoas que a seguen. Contará a súa experiencia como visitante da Real Vila, unha gran oportunidade para Baiona de mostrar os seu encantos a través da rede e traspasar fronteiras máis aló do Océano Atlántico.

A blogueira conta con perfís nas distintas redes sociais existentes, ademais do seu blog propio. A través das novas tecnoloxías creou unha comunidade de viaxeiras e o seu público obxectivo son mulleres maiores de cincuenta anos que poden viaxar en grupo ou soas moi fieis que adoitan realizar as viaxes que recomenda a blogueira. Segundo as súas palabras, “trátase dunha comunidade moi activa na que intercambian información, fan preguntas, recomendan destinos… Entre os aspectos máis valorados nos destinos están a seguridade e o confort e entre o seus gustos está a cultura, a gastronomía, a historia… en definitiva todo o que ofrece Baiona”. A súa viaxe ata a vila mariñeira non é casual: ela é de Nova York, naceu alí, pero a súa familia é cubana. O seu home vive en Nova York desde pequeno pero é cubano de orixe galega. Influenciada polas raíces do seu home e motivada por el fixo algunha reportaxe sobre Galicia que colleitou moito máis interese entre os seus seguidores que outros artigos. Esta é outra das razóns polas que precisamente se encontra aquí en Baiona: para solicitar información e coñecer de primeira man todo o que ofrece a localidade para falar de Galicia en xeral e de Baiona en particular.

Antes de comezar a súa visita por Baiona, o Alcalde, Carlos Gómez, quixo intercambiar unhas palabras con ela, e achegouse ata a oficina municipal de turismo para recibila e darlle a benvida á localidade. “En Baiona fará unha visita polo museo flotante da Carabela Pinta e polo centro histórico da localidade. Tamén deleitarase cos manxares da gastronomía local. Estará aloxada na Vila durante dous días, os cales aproveitará ao máximo para coñecer os atractivos que ofrece a vila mariñeira, o seu comercio, a súa hostalería e as súas xentes para logo facerlle chegar a información ao seu gran número de subscriptores”, destacou o Alcalde, Carlos Gómez Prado.