Sin categoría

O Lugo gaña o VIII Torneo de Fútbol 8 de Baiona en categoría alevín

Tras a celebración este luns da primeira xornada do VIII Torneo de Fútbol 8 de Baiona, na que o Sporting Guardés proclamouse campión na categoría chupetes, este martes continuou a competición nos campos do Aral e Val de Martín coa categoría alevín. 28 equipos, que sumaban máis de 300 nenos, disputaron un total de 58 partidos.

O Lugo proclamouse campión despois de vencer ao Vila do Corpus na final. O terceiro posto da clasificación foi para o Val Miñor, e o cuarto para o Erizana. Tamén recibiron trofeo o mellor porteiro, que recaeu en Jorge Grandal, e o mellor xogador, que foi Alejandro Lourido, ambos os dous do Lugo.

O VIII Torneo de Fútbol 8 de Baiona, organizado polo Erizana, congrega nesta edición a preto de 1.000 nenos de entre 4 e 14 anos de toda Galicia, repartidos en 73 equipos. Durante catro días, nos campos do Aral e Val de Martín, nenos dunha trintena de clubs comparten deporte, experiencias e aprendizaxe.

O VIII Torneo de Fútbol 8 de Baiona continuará ata o xoves coas categorías benxamín e prebenxamín.