
O Concello de Nigrán dispón ata o 1 de xuño de oito novos conserxes grazas ao Centro Juan María. A propia Casa Consistorial, a Biblioteca e os colexios Carlos Casares (Vilariño), Humberto Juanes (Nigrán) e Da Cruz (Camos) son por vez primeira o lugar de formación práctica para 4 mozos e 4 mozas con discapacidade intelectual que están a realizar o curso de “Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais”. Este consta de 465 horas, das cales 291 son teoría que se desenvolve polas tardes no propio CEE Juan María e 174 son formación práctica nestes postos de traballo mencionados. Trátase do primeiro curso ao respecto que realizan no centro con sede en Parada e forma parte do Programa Operativo de Emprego Xuvenil-POEJ “Un a Un” da Fundación ONCE e cofinanciado polo Fondo Social Europeo.
“Estamos encantados de poder colaborar na formación práctica do curso, eles están aprendendo moito e todo o persoal está tamén a aprender moito deles. Ao fin e ao cabo este é o Nigrán para todos que buscamos”, reflexiona o alcalde, Juan González, quen se amosa orgulloso de que o propio Concello lles ofreza a posibilidade de ter a súa primeira experiencia laboral. Así, de 10:30 a 13:30, Sergio Fernández, Pablo Salgueiro e Angelo Daniel ocúpanse na Casa Consistorial de enviar o correo, de escanear e fotocopiar documentos e colaborar cos diferentes departamentos. Celtia Pombo e Cintia Lorenzo, na Biblioteca e no Arquivo Municipal, traballan clasificando libros e diferentes exemplares e, finalmente, nos coles, Carlos Barbosa, Diana Chamorro e María Peixoto atenden o teléfono, realizan fotocopias e colaboran no normal funcionamento do centro.
“Estou moi nerviosa, quero facelo ben. Na casa a miña nai díxome que eu preguntase sempre que tivese algunha dúbida”, confesaba María Peixoto no seu primeiro día de traballo no colexio de Camos, onde ela mesma foi alumna. María acude acompañada cada día por unha preparadora laboral, figura que tamén está presente na Casa Consistorial e nos outros coles, de xeito que cada dous alumnos-traballadores hai un titor especializado. “Levan unha semana no Concello e xa están totalmente familiarizados co traballo e o desenvolven con absoluta normalidade, por iso ao mesmo tempo e, sen pretendelo, desmontan moitos prexuízos que ten a sociedade relativos ás súas capacidades”, considera o alcalde.