
O PP de Nigrán, encabezado pola candidata á alcaldía María José Pino, expón a creación dunha liña de axudas a maiores, discapacitados ou persoas con dificultades de mobilidade recoñecidas para poder facer uso do servizo de taxi principalmente dentro do municipio como unha das primeiras propostas lanzadas en campaña.
A iniciativa permitiría aos beneficiarios contar cunha alternativa ao transporte público entre luns e venres mediante a fórmula de copagamento (Bono Taxi). Para iso a Administración deberá de estudar os casos individuais de cada solicitante para despois marcar unhas cotas mensuais que variarían en función das rendas, chegando mesmo á gratuidade do mesmo para os casos máis precarios economicamente falando. Posteriormente serían os encargados de abonar os servizos prestados aos taxistas con base e licenza dada de alta en Nigrán.
A candidata do PP considera que a medida facilitaría o día a día das persoas adscritas ao mesmo á hora de facer as súas xestións ou acudir ao centro de saúde ou hospitais, posto que o autobús, dadas as súas características, a miúdo suponlles un problema dada a altura da plataforma respecto ao chan. Pino aclara que a bonificación só aplicaríase aos solicitantes que polo seu cadro clínico tampouco puidesen facer uso dos buses adaptados ou en caso contrario en traxectos que non estivesen garantidos polo transporte público.
A iniciativa exposta desde o Partido Popular é moi similar ás implantadas en municipios como Vigo ou Santiago de Compostela, gobernados polo PSdeG, con moi bos resultados e a concesión de decenas de bonos ano tras ano. No caso da capital galega a medida leva en funcionamento desde 2017, no 2020 abriuse a pacientes suxeitos a tratamentos periódicos en hospitais e en 2022 concedeu 43 axudas. “Juan González debería de poñerse as pilas e tomar exemplo dalgúns dos seus compañeiros de partido que nesta materia sácanlle moita vantaxe”, apunta Pino.
Para os populares non cabe a menor das dúbidas de que esta iniciativa tamén sería moi positiva para os profesionais locais do sector, que deste xeito verían aumentados os seus ingresos. “Eles pagan os seus impostos aquí en Nigrán e como é lóxico deben de ser os primeiros beneficiados cun diñeiro extra que ademais se volvería a reinvestir no municipio”, conclúe a candidata.