
O Concello de Gondomar e Aldeas Infantiles asinarán un convenio de colaboración para a posta en marcha de “Acompáñame”, un programa de intervención socioeducativo para a infancia e a adolescencia. Trátase dun programa de atención integral para nenos, nenas e adolescentes, principalmente aqueles que se atopan en situación de risco de exclusión social ou vulnerabilidade, de entre os 6 e os 17 anos, a través da creación dun centro de proximidade especializado.
Estableceranse grupos de traballo formados por 8 menores por aula que recibirán axuda e asesoramento en áreas como a formación socio-educativa, apoio psicolóxico, resolución de problemas, autonomía persoal ou sentido de propósito e de futuro. Cando así o precisen os menores recibirán tamén axuda nas tarefas derivadas dos seus centros escolares, fomentando bos hábitos de estudo así como un programa de ocio e tempo libre e participación en proxectos comunitarios.
Paco Ferreira, alcalde de Gondomar, subliñou que “este programa que poñemos en marcha servirá para a integración social de menores, nalgúns casos pertencentes a familias desestruturadas ou con graves problemas sociais ou económicos, que precisan de axuda para o seu mellor desenvolvemento”. “Agradecemos enormemente o traballo de Aldeas Infantiles en favor dos nenos e nenas máis vulnerables”. “É fundamental que as administracións, neste caso o Concello, aposte por programas deste tipo que permitan que todos os nenos e nenas de Gondomar poidan acadar unha integración social plena independentemente da súa situación económica ou familiar, e sen dubida este servizo será unha gran ferramenta para acadar ese obxectivo”.