Avelaíña Val Miñor recibe ás nenas e nenos do CEIP Humberto Juanes de Nigrán polo seu 25 aniversario

En 1997, un grupo de familiares de persoas con problemas de saúde mental do Baixo Miño deciden crear a asociación Avelaíña co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental. 25 anos despois, Avelaíña conta cun piso protexido e tres Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral, situados nos concellos da Guarda, Baiona e Ponteareas, e ten ao redor de 400 socios e de 20 traballadores.

Para celebrar estes 25 anos de traxectoria, Avelaíña organiza esta xornada de portas abertas co obxectivo de traballar a saúde mental entre as nenas e nenos da comarca do Val Miñor. Moitas veces, os problemas de saúde mental comezan na infancia, por este motivo, na mañá deste xoves alumnos de 2º de primaria do CEIP Humberto Juanes de Nigrán visitaron as instalacións da Asociación en Baiona.

Nesta visita, as nenas e nenos desfrutaron dun contacontos narrado por Soledad García, escritora miñorana, “El cazo de Lorenzo”, un emotivo conto sobre un neno con habilidades diferentes. Abordando a diversidade como algo inherente á persoa, de crer nun mesmo, de superarse e de converter a adversidade nun aprendizaxe. Tamén desfrutaron de obradoiros de pintura e de chapas, fomentando así, de maneira lúdica, a empatía e a solidariedade desde a infancia.