Máis de medio século de historia da Casa de Rosalía exposto na Praza Paradela de Gondomar

A exposición titulada “A Casa de Galicia” estará situada na Praza Paradela ata finais deste mes de marzo, e fai un repaso pola historia da Casa-Museo de Rosalía, que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo, grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración.

No acto de presentación estiveron presentes o Presidente da Fundación Rosalía Anxo Angueira, o alcalde Paco Ferreira e membros do goberno local. Na súa intervención Anxo Angueria destacou que “a exposición estea situada nunha Praza, a da Paradela, que antigamente foi un mercado e que foi recuperada para a xente cando se reformou”. Angueira tamén quixo destacar “a vinculación de Rosalía de Castro con Gondomar que se reforzou coa magnífica praza recentemente inaugurada e que leva o seu nome”.

Pola súa banda o alcalde, Paco Ferreira, quixo agradecer “que a Fundación elixira Gondomar para esta mostra é un orgullo para Gondomar”. Ademais o rexedor local manifestou que “hai que poñer en valor o gran traballo que fai a Fundación e o seu presidente, xa que grazas a eles conservamos e honramos a memoria da nosa poeta máis universal”. Por último Ferreira anunciou que “a colaboración coa Fundación Rosalía seguirá sendo constante e abordaremos outros proxectos conxuntos para seguir enxalzando a figura da nosa gran poeta”.