Sin categoría

Nigrán concede 42.782 € en subvencións ás diferentes asociacións do municipio

O Concello de Nigrán vén de resolver a concesión de 42.782 € en subvencións ás diferentes entidades do municipio (culturais, veciñais, festeiras ou deportivas), dando así resposta a todas as solicitudes, xa que a partida orzamentaria era de 80.000 €. Así, dez entidades culturais recibirán en total 14.241 €; doce festeiras e veciñais, 6.363 €; e 18 deportivas, 21.977 €. As resolucións pódense consultar no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Nigrán.

“Desde o goberno local, consideramos de xustiza axudalas porque todas reverten o seu traballo no benestar da veciñanza. Son os grandes promotores no municipio das actividades lúdicas, culturais, deportivas ou festeiras, por iso imos continuar na mesma liña”, explica o alcalde, Juan González, quen encomia o seu “traballo desinteresado na promoción de todos estes aspectos que fan comunidade e que xeran un Nigrán máis amable para as persoas”.