Nigrán renova o convenio con Fegatea para traer a 6 compañías de teatro afeccionado de toda Galicia no 2023

O Concello de Nigrán vén de asinar o seu terceiro convenio coa Federación Galega de Teatro Afeccionado baixo o cal achegará 3.750 € para traer a Nigrán durante este ano 6 obras de compañías de teatro afeccionado de toda a comunidade. En calquera caso, Fegatea colaborará con 750 € e realizará unha convocatoria específica para esta acción entre os seus asociados, sendo o Concello quen despois elixa entre todas as propostas presentadas.

“Estamos moi contentos con este convenio que estreamos no 2021 porque nos permite ofrecer unha programación estable de teatro de calidade e, ao mesmo tempo, apoiamos ás compañías que, precisamente, máis recursos económicos precisan para subsistir”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González, quen destaca a “boa acollida” que ten entre a veciñanza, enchendo en cada función o Auditorio Municipal.

A comunidade teatral galega, dentro do ámbito afeccionado, é unha das maiores do territorio español e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, formada hoxe en día por 50 grupos das catro provincias constituídos por máis de 600 persoas, conforma na actualidade a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose ano a ano como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega.

Ao longo dos seus 23 anos de historia, a Fegatea foi ampliando e consolidando un espazo propio para ao teatro afeccionado galego, espazo do que dan fe as diferentes actividades que organiza e outras nas que colabora ou participa, labor que foi recoñecido a nivel estatal pola Federación Valenciana co Premio Tablas 2012. Asemade recibiu o premio da Federación de Teatro Aficionado de Castilla y León no pasado 2016 en Lugo. No mes de decembro do 2020 foille concedido pola Xunta de Galicia o Premio da Cultura Galega na categoría de Artes Escénicas.

Por unha banda, procurando a mellora da calidade do teatro amador a través da formación, fomentando a organización de cursos específicos de teatro desde os propios grupos, pero tamén abrindo canles para unha formación máis especializada, como a que xurdiu a partir do Convenio de Colaboración que estableceu nos últimos tres anos coa ESAD e co CDG, e da celebración das Xornadas de Teatro, un foro no que os compoñentes dos grupos teñen a oportunidade de coñecer, afondar, presentar ou debater sobre cuestións que afectan de cheo ó desenvolvemento da cultura teatral e á evolución, innovación e crecemento da propia Federación.

Por outra, estimulando a ampliación, diversificación e mellora dos espazos destinados ó teatro, creando unha programación teatral estable a nivel autonómico mediante a colaboración e a sinatura de convenios con entidades públicas e privadas (Consellería de Educación, gobernos municipais, AGADIC, asociacións sen ánimo de lucro…) e traballando na proxección nacional e internacional do teatro amador galego por medio da colaboración e intercambio con outras entidades nacionais e internacionais. Todo isto a través de actividades xa consolidadas como a Mostra Fegatea Móvete, o Festival Agustín Magán, o Circuíto Galego de Teatro e os festivais organizados ó abeiro da Plataforma Transfronteiriza PLATTA, actividades que, no seu conxunto, superan os 8.000 espectadores anuais.