
Somos Nigrán denuncia que a precariedade laboral á que están sometidas as persoas traballadoras do SAF do Concello de Nigrán chega a tal punto que están a facer traballos fóra das funcións que teñen estipuladas na normativa galega. “Atenden a usuarios/as con contrato privado coa empresa concesionaria en horario do servizo municipal e estanse a producir despedimentos que, segundo a empresa, débense á falta de horas de servizos, aínda que a realidade é que existe unha lista de espera de usuarios/as de máis dun ano para acceder a este servizo”.
Desde Somos Nigrán manifestan que o tempo que lles conceden para as tarefas ás que están obrigadas é case sempre insuficiente, o que as estresa e acentúa o risco de sufrir lesións musculares pola sobrecarga de traballo. “Non teñen enfermidades profesionais recoñecidas nin complementos por baixa, ademais en lugar de facer novas contratacións para cubrir as baixas, esíxese un sobreesforzo e xornadas esgotadoras ás persoas xa contratadas”.
A estas irregularidades que se están a cometer hai que engadir que as persoas traballadoras non están a cobrar a subida do IPC e que a quilometraxe se está pagando de forma errónea. Somos Nigrán esixe ao Goberno Local que cumpra coa obriga de garantir a calidade no traballo das empresas licitadoras que reciben cartos públicos. As responsables da área sanitaria da coalición Somos Nigrán, Catalina Costas e Paula Soto, manifestan que de ser tomadas medidas por parte das persoas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, terán todo o apoio das formacións locais que conforman dita coalición.