A Comisión de Heráldica aproba a bandeira do concello de Gondomar

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu hoxe a reunión da Comisión de Heráldica na que se informou de xeito favorable sobre a proposta para que sexa aprobada polo Consello da Xunta a bandeira do concello pontevedrés de Gondomar.

“Os emblemas municipais (escudos e bandeiras) constitúen unha parte moi importante na representación do patrimonio histórico e cultural dos concellos, polo que tivemos un coidado especial á hora de dar forma á bandeira de Gondomar, guiándonos por criterios de rigor e respecto cara as pautas establecidas pola Comisión Heráldica e a tradición histórica do Concello de Gondomar”, apuntan desde o goberno local.

O seu deseño baseouse na historia da localidade a partir dun dos seus máis recoñecidos protagonistas, Diego Sarmiento de Acuña, o primeiro Conde de Gondomar. Esa referencia xustifica a inclusión do canón e as espadas sobre fondo azul do escudo oficial, así como trece roeles de ouro en campo de gules (vermello vivo) que fan referencia aos Sarmiento e nove cuñas de azur, puntas abaixo, en campo de ouro, relativos aos Acuña.

O Goberno autonómico leva aprobados un total de 279 escudos e bandeiras das entidades locais de Galicia no seo da Comisión Heráldica da Xunta, tras a petición dos respectivos concellos de modificar ou rehabilitar os seus símbolos para adaptalos ao decreto que os regula.

Segundo explicou a directora xeral de Administración Local, os municipios e as demais entidades locais de Galicia poderán adoptar escudos heráldicos e bandeiras propios e privativos, modificar os xa existentes ou rehabilitar os que historicamente se empregasen, baseándose sempre en feitos históricos ou xeográficos característicos e peculiares do seu territorio e conforme ás normativas de heráldica.

Ningunha entidade local de Galicia poderá utilizar escudo heráldico ou bandeira que non fosen aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, sen prexuízo daqueles que foron aprobados pola Administración do Estado con anterioridade á transferencia de competencias a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Comisión de Heráldica é o órgano consultivo da Xunta de Galicia adscrito á consellería competente en materia de réxime local, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, sendo a encargada de emitir informes vinculantes de aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras das entidades locais galegas. Ademais, poderá elaborar as correspondentes propostas para a modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras daquelas corporacións locais que así o soliciten, sen ningún cargo para a entidade local interesada.