O PP de Baiona reclama a instalación de puntos de recarga para coches eléctricos

Baiona carece de puntos de recarga para vehículos eléctricos porque segundo denuncia o Partido Popular o tripartito, dirixido polo alcalde socialista Carlos Gómez, “négase a traballar para a súa colocación a pesar de que así o recolle a Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética aprobada polo PSOE en 2021”. En xullo de 2022 o Grupo Municipal do PP avisou, a través dunha moción ao pleno, da obrigatoriedade de colocar unha estación de recarga por cada 40 prazas no aparcadoiro municipal do Aral para dar servizo aos veciños que contan con vehículos deste tipo e, ao mesmo tempo, adaptarse á normativa que obrigaba a telas en xaneiro de 2023. “Con todo, non saíu adiante porque tanto PSdeG como BNG e votaron en contra alegando que xa estaban a traballar neste asunto”.

Agora, case un ano despois, Baiona aínda non conta con ningún punto de recarga nin no subterráneo nin en ningunha zona exterior, ao contrario que ocorre noutros concellos veciños. Isto obriga aos baioneses que teñen este tipo de coches a ter que desprazarse a outros municipios da contorna para poder recargalos. Á vez que desmotiva ás familias a apostar polos vehículos eléctricos ou híbridos, moito menos contaminantes polas súas baixas ou nulas emisións de CO2, cando necesiten adquirir un novo. De feito, varios veciños usuarios do aparcadoiro público baionés trasladaron ao PP as súas queixas ao ignorar o equipo de goberno as súas demandas sobre a necesidade de habilitar puntos de recarga porque tiñan intención de comprarse un coche eléctrico. Cabe lembrar que o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima prevé que en 2030 alcáncense os 5.000.000 de matriculacións deste tipo de automóbiles.

A pesar de que o goberno local (PSdeG, BNG e NOS) debería de estar comprometido con estas políticas en defensa do coidado do planeta, ao PP de Baiona xa non lle sorprende que o tripartito, que se autodefine “progresista” e valedor da Axenda 2030 para limitar o cambio climático, predique unha cousa e faga radicalmente a contraria. “Unha vez máis Baiona queda atrasada no avance e o progreso por culpa da parálise do tripartito cuxo principal responsable é o alcalde Carlos Gómez. Baiona leva case catro anos sufrindo un retroceso pola parálise dun goberno local que só pensa na cadeira de brazos e nos soldos”, censuran desde o PP, que advirte de que o PSdeG e dos seus socios “non teñen ningunha intención de executar accións sostibles nin beneficiosas para os seus veciños”. Os populares están convencidos de que o tripartito non apoiou a proposta de instalación destes puntos de recarga simplemente por unha cuestión partidista, porque partía do PP.