Nigrán estrea no Día Internacional da Muller a exposición de fotobordados “Pioneiras”

O Concello de Nigrán estreou este mércores, coincidindo co Día Internacional da Muller, a mostra de fotobordados “Pioneiras”, realizada por usuarios da Fundación Érguete e que estará exposta durante todo o mes nas dependencias municipais.

Trátase de 8 cadros que mediante a técnica da fotografía e o bordado retratan a mulleres galegas destacadas na súa vida profesional, social ou persoal. Estas obras foron realizadas por usuarios de Érguete do programa SISIFO (persoas en risco de exclusión severa e/ou drogodependentes) nun obradoiro téxtil que eles mesmos bautizaron como “lanamala”. No proceso, pártese dunha imaxe real para ir desarmando as escenas conxeladas no papel dando luz a unha nova linguaxe, establecendo así un diálogo entre a fotografía e os fíos.

As pioneiras que forman parte desta mostra e que se queren visibilizar destacan no ámbito social, político, profesional, deportivo, en defensa dos dereitos das mulleres: Celia Rivas Casais, Elisa e Marcela, Chus Lago, Isaura Abelairas, Susana Rodríguez Gacio, Carmen Avendaño (nais de Érguete). Paralelamente, a mostra e o propio obradoiro pretenden tamén constatar a presenza masculina na loita pola eliminación das desigualdades de xénero e favorecer a construción de novas masculinidades que impliquen a revisión dos modelos tradicionais.

Na industria téxtil, denomínase “lana mala” ás las e tecidos de refugallo que son os que eles utilizan no obradoiro transformándoos, mediante a creatividade, en pezas cun significado artístico. Loitan, coa súa obra e con este pseudónimo, contra o estigma que sofre o colectivo e visibiliza a súa capacidade de transformación.

O pasado 8 de Marzo de 2022 esta mesma exposición inaugurouse no Museo Etnográfico Liste (Vigo) sendo visitada por preto de 2.000 persoas.

AS PIONEIRAS:

1.- CARMEN AVENDAÑO OTERO

Activista social e política, coñecida pola súa loita contra o narcotráfico en Galicia, denunciando aos grandes traficantes e reivindicando programas de prevención e tratamento de drogodependentes. Presidenta da Asociación e a Fundación Érguete.

2.- ISAURA ABELAIRAS RODRÍGUEZ

Mestra de profesión, daba clase se galego e foi a directora do CEIP Emilia Pardo Bazán de Vigo (o colexio do Chouzo) durante moitos anos. Cunha longa traxectoria política con diversos cargos na administración local, provincial e autonómica, relacionados co Benestar Social e a Igualdade.

3.- CHUS LAGO REY

Alpinista, exploradora, escritora e política. Alcanzou o cume do Everest sen osíxeno artificial en 1999, converténdose na primeira muller española e a terceira do mundo en conseguilo. En 2009 converteuse na primeira persoa española en alcanzar o Polo sur en solitario a través da Antártida.

4.- ANA PELETEIRO BRIÓN

Atleta, plusmarquista nacional na modalidade de triplo salto en todas as categorías de idade a partir de sub-18. É a actual subcampioa de Europa en pista cuberta da súa especialidade e medallista de bronce nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020.

5.- SUSANA RODRÍGUEZ GACIO

Médica e deportista, campioa paralímpica de tríatlon adaptado (Tokio, 2020), sendo a primeira española en competir en dous deportes nuns Xogos Paralímpicos: tríatlon e atletismo.

6.- CELIA RIVAS CASAIS

Empresaria galega, recoñecida como a primeira muller camioneira de España e cofundadora xunto ás súas irmás da empresa Hijos de Joaquín Rivas, dedicada á comercialización de peixe e marisco.

7.- MARCELA GRACIA IBEAS e ELISA SÁNCHEZ LORIGA

Dúas mestras que casaron en 1901 na Coruña. Trátase do primeiro intento de matrimonio homosexual de España do que se ten constancia rexistral. Fixérono pola Igrexa católica, posteriormente o párroco descubriu o engano, e foron denunciadas e perseguidas.

8.- NAIS FUNDADORAS DE ÉRGUETE

Nos anos 80 un grupo de familias, principalmente nais, decidiron crear unha asociación para loitar contra o narcotráfico e axudar a persoas drogodependentes, porque sabían que xuntas eran máis fortes que separadas. Foi o nacemento de Érguete. Algún narcotraficante chamounas “tolas” e “terroristas”. Pero elas conseguiron profesionalizar e institucionalizar unha loita contra un problema que entón a sociedade negábase a ver.