
O Multiusos Mercado de Sabarís acolleu este mércores o acto central do 8M, Día Internacional da Muller, do Concello de Baiona. A Concellería de Igualdade organizou nesta data sinalada a inauguración da exposición “Achegas, Mulleres na Axenda”, coas fotografías e as historias das mulleres de Baiona que forman parte do bonito proxecto das Axendas Igualitarias realizadas por este Departamento.
No acto interviñeron o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e a Concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira, e nel participaron unha ampla representación das mulleres que forman parte das axendas así como dos seus familiares. Tamén acudiron á inauguración diferentes colectivos da Vila. A xornada foi amenizada polas Pandereteiras de Monte Boi.
Tamén se fixo unha conexión en directo coa vila irmá de Pornic para facer un pequeno intercambio entre os actos do 8M programados polas Concellerías de Igualdade de ambos consistorios.