Arranca o VII Zampakilos Solidario a favor dos Bancos de Alimentos

Un ano máis a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski pon en marcha as súas doazóns a favor dos Bancos de Alimentos de Galicia, Asturias e Castela e León. Faio a través do seu VII Zampakilos Solidario no que participarán, durante os días 10 e 11 de marzo 282 establecementos das súas insignias Eroski Center, Autoservizos Familia, Hipermercados Eroski, Eroski City e Cash Record.

Os clientes que desexen sumarse a esta iniciativa terán a posibilidade de facer doazóns de produto en tenda, unha modalidade que convivirá ademais coa posibilidade de realizar entregas económicas a través das caixas dos establecementos que participan na iniciativa.

Todos os alimentos doados serán entregados aos Bancos de Alimentos e as achegas económicas sumaranse creándose unha liña de crédito para cada entidade que poderán trocar ao longo do ano en función das súas necesidades. Ademais, ao total recadado, a compañía sumará unha achega propia adicional.

Máis de 65.500 quilos de solidariedade

Esta colaboración é froito do acordo de colaboración formalizado entre Vegalsa-Eroski e a Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Desde a súa posta en marcha ata hoxe a compañía puido axudar a máis de 95.000 familias a través do Zampakilos Solidario.

“Queremos agradecer a implicación de todas as persoas que fan posible que esta campaña se leve a cabo. Unha campaña na que se respira un ambiente de solidariedade e cooperación entre os nosos clientes, voluntarios e equipos de tenda e que nos permitirá un ano máis seguir axudando ás familias que máis o necesitan”, explica a directora de Sustentabilidade e Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, Gabriela González.

Durante a VI edición do Zampakilos Solidario, en 2022, Vegalsa-Eroski e os seus clientes recadaron un total de 65.526 quilos de produtos e 22.500 euros a favor de distintos bancos de alimentos de Galicia, Asturias e Castela e León. Quilos de solidariedade que se traduciron en 172.820 comidas, que permitiron alimentar a 768 familias durante un mes. Ademais desta acción, a compañía sumouse en 2022 á Gran Recollida na que recadou 190.229 euros, a favor tamén de FESBAL. Entre ambas as dúas iniciativas recadáronse 278.944 euros, equivalentes a 543.398 comidas que permitiron alimentar a un total de 2.415 familias durante un mes.

A través de iniciativas como o Zampakilos Solidario, a Gran Recollida de Alimentos de FESBAL ou as operacións quilo con entidades locais, a compañía contribúe á consecución dun dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 prioritarios, o número 2 (Fame Cero), abastecendo de recursos alimentarios ás entidades sociais coas que colabora periodicamente. Para iso conta ademais co seu programa “Desperdicio Cero” que lle permite doar alimentos frescos e envasados próximos á súa data de consumo preferente pero aínda aptos con total seguridade alimentaria para evitar o desperdicio alimentario.