O PP de Gondomar acusa a Paco Ferreira de facer demagoxia cos comedores escolares

A voceira do Partido Popular de Gondomar acusa a Paco Ferreira de demagogo, ao anunciar agora que o Concello asumirá o comedor escolar do CRA de Peitieiros despois de que o ano pasado rexeitase renovar o convenio de colaboración para a prestación do comedor que dá servizo a preto de 300 nenos dos colexios CEIP Souto-Donas, CEIP Serra-Vincios, CEIP Chano Piñeiro, CEP Xosé Neira Vilas e o CRA Antía Cal de Peitieiros, un servicio que o Concello viña prestando dende hai máis de dez anos. Paula Bouzós lembra que a través da modalidade de convenios cos concellos, a Xunta leva apoiando os comedores escolares de Gondomar, cun desembolso de preto de medio millón de euros por parte da Administración autonómica en todos estes anos, ata este ano no que a Xunta asumiu en solitario a prestación do servizo.

Dende a Xunta de Galicia recordan que a única referencia expresa que fai a da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación aos comedores escolares como obriga para as administracións educativas é a do artigo 82.2 que establece que “naquelas zonas rurais nas que se considere aconsellable, poderase escolarizar aos nenos nun consello próximo ao das súa residencia para garantir a calidade do ensino. Neste suposto, as Administracións educativas prestarán de xeito gratuíto os servizos escolares de transporte e, de selo caso, comedor…” Así a finalidade da xestión do servizo do comedor escolar establecida pola Lei é dar resposta á situación de desvantaxe social e económica de moitas familias, derivada do tradicional asentamento poboacional en núcleos illados e diseminados, e foi concibido, polo tanto, como medio de salvar as dificultades de acceso ao ensino motivadas pola dita dispersión xeográfica, razón pola que se concibía unido ao servizo de transporte escolar. Non obstante, a necesidade social do comedor escolar nestes intres vai máis alá, xa que alcanza novas funcionalidades, derivadas da súa condición de importante instrumento para a conciliación da vida laboral e familiar. Neste sentido, os concellos asumen as competencias de xestión de comedores escolares como instrumento de conciliación, co apoio decidido da administración educativa galega en recursos e facilidades organizativas, e así se tiña desenvolto a relación co Concello de Gondomar.

Paula Bouzós achaca este anuncio do alcalde á proximidade das eleccións municipais, xa que non entende que despois de rexeitar o ano pasado a prestación do servicio de comedor escolar en todos os colexios de Gondomar, anuncie agora que o concello vai asumir o comedor dos CRA, “cando é unha competencia municipal que quere eludir”. “A Xunta de Galicia asumiu en solitario o servizo de comedor escolar cando o alcalde negouse a seguir co convenio de colaboración que se viña asinando desde o ano 2013. Ao mesmo tempo a Xunta mellorou e ampliou o comedor escolar dos colexios públicos Serra Vincios e Souto Donas, cun investimento de 90.000 euros para dotalos de maior capacidade e a renovación de equipamento e mobiliario. Se alguén quere o desmantelamento dos CRA ese é o alcalde Paco Ferreira, non hai máis que mirar o estado no que se atopa o colexio de Couso, sen que o alcalde atenda as peticións que levan feito as familias cuxos fillos padecen o mal estado desa aula. Ademais convídoo a que estenda o servicio de comedor a todas as aulas do CRA”, argumenta a voceira do Partido Popular Paula Bouzós.