Baiona contará cun reforzo de medios de seguridade por terra, mar e aire durante a Arribada

O Concello de Baiona acolleu a Xunta Local de Seguridade con motivo da XXVII Festa da Arribada. A reunión foi presidida por Mabel Alonso de Liñaje Calzada, secretaria xeral da Subdelegación do Goberno na Provincia de Pontevedra, e polo alcalde, Carlos Gómez Prado. Responsables e mandos da Policía Local de Baiona e Nigrán, da Garda Civil do Posto Principal de Baiona e da Comandancia de Pontevedra revisaron o plan de seguridade que se poñerá en marcha para garantir a seguridade dos miles de visitantes que acudirán á festa durante os tres días de celebracións.

Durante o encontro concretaron as accións a seguir polos efectivos da Policía Local, Garda Civil, Protección Civil, Grupo de Emerxencias Supramunicipal e Axencia Galega de Emerxencias que participarán do 3 ao 5 de marzo no dispositivo despregado con motivo da Festa da Arribada para garantir a seguridade en Baiona. Analizáronse e previñéronse distintos escenarios e consecuencias que poden derivar da organización dunha festa de Interese Turístico Internacional da magnitude da Arribada, referente en Galicia e o territorio Nacional. As Forzas de Seguridade teñen boas expectativas, tras o exitoso operativo levado a cabo na Arribada anterior.

Así, a Policía Local de Baiona terá apoio de axentes da Policía Local doutras Xefaturas, ademais da Garda Civil que desprazará un gran número de efectivos e encargarase, entre outras tarefas, de controlar os accesos ao Val Miñor para que non se rexistre ningún incidente. Mobilizaranse en torno a 120 efectivos de ambos os dous corpos de seguridade. Ademais os distintos membros das forzas e corpos de seguridade servirán de apoio aos axentes da Policía Local, garantindo o bo desenvolvemento das actividades festivas. Respecto a isto, revisouse o plan de autoprotección elaborado polo Concello no que se establecen os medios municipais para garantir a seguridade durante o desenvolvemento dos tres días festivos.

En canto ao posto de mando avanzado da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) estará situado no porto pesqueiro e dende alí coordinarase todo o plan de seguridade grazas á utilización de drons cos que Axega controlará o tráfico de vehículos e de persoas. Tamén haberá un posto médico cunha resposta de minuto e medio dende o aviso a calquera lugar da vila que o precise. O protocolo de seguridade contempla varias liñas de actuación: entre elas as deseñadas especialmente para casos de emerxencia que se poderán levar a cabo tanto por mar, como por aire e terra. As actuacións tamén se centran en garantir a seguridade de toda a cidadanía con accións preventivas.

Para ultimar os preparativos ao longo deste mes, realizáronse distintas reunións técnicas cos operativos de AXEGA, Protección Civil, GES Val Miñor, Incendios da Xunta, Servizos Facultativos de Emerxencia, Garda Civil e Policías Locais do Val Miñor. Segundo explicou o rexedor, o dispositivo consiste nun “plan de autoprotección”, no que se incorporou “a experiencia de anos anteriores”. “Ano a ano melloramos en afluencia e en seguridade para que non haxa problemas e, se os hai, sáibase actuar. O primeiro requisito para que a festa siga crecendo é a seguridade para iso haberá un reforzo de medios de seguridade por terra, mar e aire durante a celebración da Arribada do 3 ao 5 de marzo”, concluíu.