
Un incendio nun faiado obrigou a mobilizar aos equipos de extinción ata unha vivenda localizada no concello pontevedrés de Gondomar.
A situación tivo lugar poucos minutos antes das dez horas da noite de onte, na parroquia de Chaín, e foi unha persoa particular quen chamou ao 112 Galicia para informar que ardía unha casa no lugar do Castelo. No seu relato, indicaba que non había persoas afectadas polo lume.
Decontado, os xestores do 112 solicitaron a intervención dos Bombeiros do Porriño e dos membros do GES de Val Miñor. Unha vez no lugar, os servizos de emerxencia procederon a arrefriar a zona afectada e confirmaron que, por mor da intensidade das lapas, o tellado da vivenda colapsou e o faiado ardeu por completo.
Cómpre indicar que, ata o lugar do suceso, tamén se desprazaron os axentes da Garda Civil e da Policía Local, co fin de coñecer as circunstancias que provocaron o suceso. Ademais, desde o 112, pasouse aviso aos Bombeiros de Vigo e aos efectivos de Protección Civil de Val Miñor, por se nalgún momento fose necesaria a súa colaboración.