A empresa toledana Qualery únese ao elenco de patrocinadores do Club Ciclista Rías Baixas

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // Jose Luis Chamorro e Saúl Álvarez.

O 2017 conclúe para o Club Ciclista Rías Baixas cunha importante noticia. A empresa toledana Qualery, especialista na produción e comercialización de café e solubles para restauración automática e hostalería, patrocinará á entidade presidida por José Luis Chamorro durante as próximas tres tempadas. O acordo entre estes dous proxectos novos e innovadores pechouse a semana pasada nun acto que tivo lugar en Madrid.

O impulsor do conxunto miñorano e Saúl Álvarez, CEO de Qualery, encargáronse de perfilar os detalles desta colaboración. O novo patrocinador do Club Ciclista Rías Baixas ten a súa sede en Toledo, onde fabrica solubles e café tostado para o vending, dispensing e colectividades. Na elaboración dos seus produtos aposta pola innovación e a excelencia no sabor e na calidade.

Desde a súa creación, Qualery mantivo unha estreita relación co mundo do deporte e está fortemente comprometida coa saúde laboral e a importancia de levar unha vida saudable. É por iso que, desde hai uns anos, a marca apoiou, entre outros, ao deporte paralímpico, diversas disciplinas e escolas deportivas. Agora, da man do terceiro mellor equipo Elite do ciclismo español, dá o salto á antesala do profesionalismo.

O Club Ciclista Rías Baixas ofrece aos seus patrocinadores a garantía do código ético que os seus corredores asinarán o próximo mes de xaneiro no bufete de avogados Gándara Moure de Vigo. Un documento con validez xurídica elaborado a través dun sistema de ‘compliance’, co que se busca a excelencia como entidade deportiva.

A ambición de José Luis Chamorro e a súa directiva é a de debutar como equipo profesional no 2019. Para iso, estableceron contactos desde hai meses por toda a península e no estranxeiro. Para este 2018 a formación do Val Miñor seguirá competindo na categoría Elite e Sub23 cun renovado persoal dirixido polo técnico salmantino Iván Rodríguez.