O PP considera “pouco realista” o orzamento de Baiona ao non incluír partidas para executar o convenio colectivo

O Partido Popular asegura nun comunicado que o orzamento municipal para este ano 2023 aprobado inicialmente polos partidos que conforman o goberno local de Baiona, PSdeG, BNG e NOS, paradoxalmente, non ten en conta o convenio colectivo aprobado por eles mesmos hai apenas dous meses cos traballadores municipais ao non incluír o incremento correspondente das partidas económicas que permitan a súa execución. “Entre as melloras para o persoal laboral que o tripartito pactou cos sindicatos está o incremento de entre un 20% e 40% do prezo da hora extra, que supoñería un notable incremento do gasto en persoal e que, con todo, non se ve reflectido nas contas anuais porque manteñen o mesmo diñeiro que en anos anteriores”.

Segundo os populares, ocorre o mesmo coas melloras pactadas para o Fondo de Acción Social. Para os gastos sanitarios do persoal municipal o tripartito reserva o mesmo que en 2022, tamén para formación e para estudos. Ademais, e ao contrario do que recolle o convenio, reduce a partida para vestiario de todo o persoal. Un exemplo é o da Policía Local, que pasa de 15.000 euros a 10.000 ao ano. “É curioso e unha burla que aprobasen un convenio con melloras económicas, que o anunciaran aos catro ventos, e non as incorporen no orzamento”, opinan os populares. O PP reafírmase, tal e como manifestou no debate plenario, en que son uns orzamentos “pouco realistas” que non reflicten as verdadeiras necesidades dos funcionarios municipais e dos veciños de Baiona.