
Avelaíña cumpre 25 anos ao pé do canón, traballando por e para o mantemento da saúde mental, non sen obstáculos, o seu labor e obxectivos que van desde visibilizar esta realidade, a súa prevención, o tratamento en casos leves ou a rehabilitación coordinados con administracións e Sergas loita a diario cunha sociedade que en termos xerais mira a outro lado estigmatizándoa por descoñecemento. Comezaron na Guarda en 1997, tanto no Baixo Miño como no Val Miñor desde Baiona están máis que consolidados e dispoñen de 55 prazas entre os dous, recentemente expandíronse á comarca do Condado cun local de recente apertura en Ponteareas, 30 espazos e lista de espera, algo pouco usual tendo en conta que leva menos dun ano en funcionamento.
Tamén contan co programa Achego de atención comunitaria no medio rural. Unha ferramenta de proximidade e de primeira intervención aberta a todo aquel que presente calquera problema relacionado, actualmente chega ás comarcas do Condado, A Paradanta e Salceda de Caselas. O xerente da entidade, Rafael Álvarez, está en negociacións cos alcaldes miñoranos para que se estenda no Val Miñor mediante un convenio de colaboración que axude a financiar a actividade. Segundo asegura a súa implantación supoñería un salto cualitativo, que dalgún modo axudaría a compensar as graves deficiencias que sofre a Unidade de Saúde Mental da Xunqueira.
María Cebral Baquero é a psicóloga e coordinadora do centro da vila mariñeira desde 2011. Aínda que as xestións co Sergas inícianse en 2010 con local propio constituído como Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral, realmente empezaron en 2007 atendendo nun despacho cedido polo Concello de Gondomar e en 2009 baixo a mesma fórmula trasladáronse a unha sala do centro da 3º idade de Ramallosa.
Os principais cambios que nota se se compara cos inicios están relacionados coa visibilización, con todo, manifesta que aínda queda moito por facer en canto á normalización dos diferentes trastornos que abarcan a saúde mental. Aínda así manifesta que a xente de mediana idade tende a negativizalo cun enfoque de “a min non me vai a pasar” e condicionados a miúdo por estereotipos propios de “película de psiquiátrico” ou por titulares errados a diario en medios de comunicación. “Á xente resúltalle máis cómodo falar dunha escordadura, de problemas cardiovasculares que dunha patoloxía mental”, incide. Considera que para corrixir esta tendencia é preciso actuar sobre a mocidade, algo que levan a cabo en institutos e colexios e onde os propios usuarios póñenlle cara a esta realidade contando as súas experiencias ou que factores poden funcionar como estresores, por exemplo o consumo de cánnabis e outras drogas. A profesional insiste en que ademais das predisposicións xenéticas existen moitos factores que funcionan como causantes. Un duelo non ben elaborado, un suceso traumático ou o abuso de substancias son factores ambientais que axudan. Tamén organizan mesas informativas a pé de rúa e actividades en comunidade, pero xa máis orientadas á interacción dos usuarios co medio como encontros con membros doutras asociacións, o proxecto Vincúlate e a súa terapia con cans, con Finca Moreiras especializada nos garranos da Groba, actividades deportivas, de lecer, etcétera.
Con motivo do seu 25 aniversario están a levar a cabo actividades de portas abertas en todos os seus centros para mostrar o seu traballo á sociedade. En Baiona celebraron a presentación do libro da escritora de Nigrán Teresa Chamorro “El día que fui juzgada”, recibiron a visita de 25 escolares do CPI Cova Terreña e o 9 de marzo acudirán os do Humberto Juanes de Nigrán cun total de 50. A través dun vídeo titulado “El Cazo de Lorenzo” mostra metaforicamente aos máis pequenos o que supón arrastrar unha enfermidade deste tipo. Un neno tira dun cazo atado a unha corda e polo camiño vaise enfrontando a obstáculos, hai persoas que lle axudan e outros os soluciona só. Os primeiros resultados obtidos, a pesar de tratarse dunha idade un tanto crítica para explicarlles en que consiste, foron moi satisfactorios.