Os Premios Nigrán 2023 xa teñen nome

A corporación de Nigrán acordou por unanimidade na Xunta de Portavoces da semana pasada os galardoados cos Premios Nigrán 2023 e quedarán ratificados oficialmente no pleno ordinario deste luns 27 de febreiro. A selección foi realizada grazas ás propostas realizadas previamente polos diferentes partidos, colectivos sociais, culturais e veciñais do municipio, a quen o goberno local agradece a súa colaboración.

Os galardóns regresarán o sábado 11 de marzo na súa undécima edición coa tradicional gala e xa sen medidas Covid tras tres anos condicionada. O xa consolidado acto institucional pretende ser un recoñecemento público de todo o pobo de Nigrán á traxectoria de cada un dos premiados. “Son entidades e persoas sen os cales non se entende o municipio porque co seu traballo, constancia e esforzo teñen contribuído a poñer en valor a Nigrán, facendo del un lugar máis amigable e do que sentírmonos orgullosos, por iso se merecen este recoñecemento”, destaca Juan González, alcalde de Nigrán.

PREMIO SOCIAL

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Val Miñor naceu no ano 1997 en Nigrán para uns anos despois estender o seu traballo altruísta a toda a comarca. Polas súas filas teñen pasado máis de 2.000 voluntarios, sendo actualmente unha das entidades máis numerosas de Galicia con preto de 150 persoas que non perciben ningún salario a cambio. Entre as súas funcións está a de colaborar co GES, Policía Local, Garda Civil, 061, administracións… Por iso é habitual contar coa súa presenza en todo tipo de accidentes ou catástrofes pero tamén na seguridade de grandes eventos como poden ser as fogueiras de San Xoán, en Panxón. A maiores, entre as súas competencias propias está a vixilancia das praias do Miñor na tempada estival. Por todas estas razóns, o Concello de Nigrán, en nome de toda a veciñanza, agradece publicamente este labor e considera á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Val Miñor máis que merecedora deste galardón tras 25 anos de servizo desinteresado e imprescindible na comarca.

PREMIO EDUCATIVO

A Escola Infantil Plurilingüe “As Dunas” de Panxón é a única unitaria que permanece en activo no municipio desde a súa creación no ano 1957 e está adscrita ao CPI Plurilingüe Arquitecto Palacios. Trátase dunha escola familiar, con 41 nenos matriculados actualmente, e que destaca pola súa educación en valores e o seu estreito contacto coas familias, coas que ademais comparten semanalmente tempo na súa propia biblioteca e en diferentes festas e excursións. O seu profesorado, entre os que se atopan diferentes especialistas, desenvolve unha pedagoxía innovadora, traballando por proxectos e prestando especial atención á horta escolar e á praia situada a escasos metros. Para facilitar a conciliación dispón de servizo de madrugadores, 3 liñas de transporte escolar e a posibilidade de que coman no CEIP Arquitecto Palacios, que goza de cociña propia. O obxectivo da dirección do centro é que o alumnado medre en contacto coa natureza nun ambiente de afecto e confianza e achegando unha educación experimental, creativa e vivencial na que destacan metodoloxías como a Montessori, Waldorf ou as matemáticas manipulativas. Todas estas características, xunto á auténtica vocación e entrega do seu profesorado e o marabilloso resultado nos pequenos, fan da E.I. “As Dunas” unha digna merecedora do “Premio Nigrán ao Mérito Educativo 2023”.

PREMIO EMPRESARIAL

“A Tenda de Lila” é un pequeno comercio de alimentación do barrio de Area (Praia América) aberto hai algo máis de medio século por Lila González, falecida o ano pasado aos 88 anos, e quen lle cedeu pronto a testemuña da tenda a súa nora Delia Méndez, quen se xubila neste mes de marzo e pecha tras 40 anos detrás do mostrador e sen relevo xeracional para continuar. Nacida orixinalmente coma un quiosco de prensa, o negocio foi diversificándose ata o día de hoxe, que vende de todo pero destaca especialmente o consumo de froita e de periódicos. Os veráns multiplican o traballo ao gañar residentes na zona aínda que conta cunha clientela fiel durante todo o ano e de toda a vida. Delia destaca como desde o mostrador foi coñecendo xa a tres xeracións de veciños e visitantes que nunca abandonaron o establecemento pese á apertura de moitos supermercados. Con 66 anos cumpridos, Delia decide xubilarse en marzo e pechar a tenda para poder ao fin descansar. O Concello de Nigrán desexa render homenaxe a este negocio histórico na súa despedida e, particularmente, aos seus donos, por facilitarlle a vida aos veciños de Praia América.

PREMIO CULTURAL

A Rondalla de Santiago de Parada foi fundada no ano 1993 por iniciativa dun grupo de veciños da parroquia de Parada e baixo a dirección de Plácido Salgueiro Méndez, contando nese momento con 84 compoñentes. A súa actividade interrompeuse no ano 1997 e se retomou novamente no ano 2007, estando na actualidade vinculada ao Centro Cultural Parada do Miñor e sendo presidida por David Costas. Trátase da única rondalla do municipio e coa súa característica capa azul petróleo e ouro representan a Nigrán en certames de toda a provincia e mesmo fóra dela, onde estas formacións folclóricas tradicionais do Nadal das Rías Baixas non son coñecidas. Outra das súas particularidades é que está dirixida por unha muller moi nova, Antía Figueroa Vila, practicamente unha excepción no mundo das rondallas. Actualmente a forman 67 persoas de toda a comarca cuxas idades van desde os 4 aos 80 anos (están abertos sempre a recibir a máis xente) que se xuntan a partir de setembro para adestrar todos os sábados. Con este premio, o Concello quere recoñecer a súa indubidable calidade artística e o esforzo dos veciños de Parada para manter viva esta tradición tan propia da comarca ao tempo que lles agradece publicamente o labor de promoción do municipio.

PREMIO DEPORTIVO

A Sociedade Atlética Val Miñor foi fundada no ano 1994 en Gondomar por recoñecidos deportistas do atletismo vigués que desexaban crear canteira na comarca e facilitar así a súa práctica. A Sociedade está presidida por Guillermo Martínez e a conforman a día de hoxe 120 atletas de todo o Val Miñor desde os 4 aos 60 anos e tres adestradores, entre os que se atopa Óscar Fernández con licencia nacional. Xunto co Concello de Nigrán organizan a proba popular “Nigrán Area” que cada verán reúne a milleiros de corredores na ribeira de Praia América coa marea baixa. A base de adestramentos, ademais de Gondomar, inclúe en Nigrán o Pavillón Municipal de Panxón, Porto do Molle ou Praia América no verán e, en Vigo, as pistas de Balaídos e da Universidade. Entre os seus canteiráns máis destacados figuran Ainhoa Repáraz (campioa de España sub-18 en 100 metros ou bronce por relevos en Europa), Ricardo Cortizo (ouro en 400 metros no campionato galego) e Adrián Bernárdez (subcampión galego en 100 e 300 metros). O Concello de Nigrán desexa con este premio recoñecer o traballo da SA Val Miñor de promoción e consolidación do atletismo entre a mocidade da comarca, conseguindo en menos de 20 anos ser un dos mellores clubs de toda Galicia e recoñecido a nivel nacional.