Nigrán celebra o concurso de comparsas con 14 agrupacións e preto de mil integrantes

O Concello de Nigrán celebra este venres 24 de febreiro desde as 21:00 horas o seu tradicional concurso de comparsas con 14 agrupacións de toda a comarca que suman 964 participantes. O evento estará presentado polo coñecido actor e monologuista Sergio Pazos en substitución de Pepo Suevos por incompatibilidade co cambio de datas e contará coa animación de rúa a cargo da batucada “Bate no Cobre” na apertura do desfile e durante a deliberación do Xurado.

O concurso discorrerá por Rosalía de Castro (desde a rúa Telleira ata a Casa Consistorial) e o fallo e achega de premios será in-situ. A única comparsa representante de Nigrán será a xa habitual da Asociación Cultural Parada do Miñor con “Xeada en Parada” e 67 participantes; dentro do Val Miñor, por Gondomar estará a Asociación Políticamente Incorrectos con “O Valhalla pode esperar” (51 persoas), O Millor de Cada Casa de Vincios con “A maxia do cine” (56), LDanzia con “Moulin Rouge” (90), Paradela con “Homenaxe a Grease” (70), A Merced de Chaín con “Grease” (50), Carnavales de Mañufe con “Pouco Corrente” (54); e por Baiona o Centro Cultural de Baíña con “Rock in Baíña” (65). Desde Vigo acudirán Os da Casa con “Un mundo máxico” (100) e o Centro Cultural de Valladares con “Valla-Space” (65) e desde Mos a Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras con “Mos, pueblo paleta” (108). Finalmente, desde o Baixo Miño acudirán Luces de Tomiño con “Fantasía do Zodíaco” (80) e Revolución Show (43) e, como novidade tras o cambio de data, “Talismán na beira do Miño” (65) da Asociación Cultural Talismán de Salceda de Caselas.

O entroido nigranés rematará a tarde do sábado 4 de marzo co tradicional enterro do kiko de Parada que, unha vez máis, partirá desde a Casa do Concello para ser velado e sentenciado no Torreiro de Parada, onde haberá festa durante toda a tarde-noite. Esta peculiar celebración naceu da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao típico “Enterro da Sardiña”, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día un evento de referencia no municipio ao incluír o Concello hai 8 anos a saída da comitiva desde o Auditorio Municipal.