Comeza a nova tempada de patinaxe artística sobre rodas, con máis de 100 patinadores que estrearon calendario coa competición autonómica no Pavillón Municipal Cándido Carrera de Savaterra do Miño.
A competición dividiuse en dúas xornadas; o sábado coa Primeira Fase Rexional e o domingo coas Probas de Acceso para aqueles patinadores e patinadoras que buscan a súa clasificación para a Categoría Nacional nas categorías Benxamín, Alevín, Infantil, Cadete e Sénior.
O Club de Patinaxe Artística de Gondomar tivo a súa representación en diferentes categorías, conseguindo subir ao podio a dous dos seus catro patinadores, cun primeiro posto para Manuel Estévez Rodríguez como Cadete masculino e un terceiro para Sara Abal Giráldez, Infantil feminino de 2º ano.
Na xornada de hoxe destacou a patinadora Noa Álvarez Romero na súa proba de acceso, emocionando ao público coa súa seguridade e destreza na pista, conseguindo acceder á Categoría Nacional tras un duro camiño de adestramento xunto ao seu adestrador David Figueroa, quen a apoiou e acompañou.
Pero o constante traballo do CPA Gondomar presentado esta intensa fin de semana non finaliza aquí, xa que este non é máis que o inicio dunha tempada na que se mostrarán os contínuos adestramentos e a forza solicitada para esta anualidade. A próxima cita será o campionato autonómico de primeira no Pavillón de Candeán en Vigo, Fase Provincial Trofeo Deputación – Pontevedra 2019, con representantes nas categorías de Alevín feminino, Infantil masculino e feminino e Sénior feminino.

