Nigrán conmemora o Día do Guía de Turismo cunha andaina guiada pola costa de Lourido

O Concello de Nigrán ofrece o martes 21 de febreiro unha andaina guiada pola costa de Lourido para descubrir a “Praia América” dos anos 30 e 40 e que foi bautizada por Manuel Lemos como “A Niza Galega”. A dificultade é baixa, cun tempo estimado de 2 horas e unha distancia de 4 quilómetros, a saída será ás 16:30 horas desde a Oficina de Turismo de Dunas de Gaifar. O 21 de febreiro celébrase o Día Internacional do Guía de Turismo, unha profesión vital no sector turístico que promove o potencial cultural, histórico e patrimonial de sitios de interese en varios países do mundo. Os Guías de Turismo ofrecen orientación e información a turistas e visitantes acerca da cultura, historia, gastronomía e sitios turísticos de calquera recuncho do planeta. Co seu labor contribúen a impulsar o turismo, sendo unha importante actividade económica das cidades.

MANUEL L. LEMOS “Lourido, A Niza Galega”

Manuel Lemos chegou con 17 anos a Arxentina, fundou a empresa “La Superiora”. Nos primeiros anos optou por abrir unha axencia de quinielas e fracasou no intento, pero non desistiu e nun novo intento por seguir o seu rumbo, optou por dedicarse aos viñedos, era a punta dun iceberg que o levaría a ser considerado un empresario exitoso, pronto abriu máis sucursais en distintas partes de Bos Aires, ata que decidiu comprar terras de mellor calidade concretamente en Mendoza e San Juan e empezou o verdadeiro éxito de La Superiora S.A.

Abastecendo a sitios rexentados por galegos nunca esquecía a súa cidade natal e grazas á súa empresa cale Dr. Ortega é coñecida popularmente como La Superiora en honra á súa adega. Lourido era aínda un deserto areal e el tiña xa un ambicioso plan para urbanizar o lugar. En 1929 tiña xa os Planos de Urbanización da zona destinada á gran praia e cidade de verán “América Latina”, como rezan as lendas dos numerosos cartafoles que gardan planos, perspectivas, rede de rede de sumidoiros, traída de augas, electrificación, ata capela. Un ambicioso proxecto moi adiantado á España dese tempo.

Desde esas datas aquela praia de Lourido deixou de chamarse así para pasar a ser Praia América, aínda que agora xa recuperou o patronímico que lembra o ouro das súas finas areas. E o soño daquel amante da súa terra, converter un areal nunha zona residencial balnearia, foi realidade.