Nigrán ofrece un Entroido infantil con teatro de sombras e un baile de disfraces

O Concello de Nigrán ofrece este luns 20 de febreiro no Auditorio Municipal de 17:30 a 19:30 un Entroido infantil para nenos de 3 a 16 anos baseado no teatro de sombras, ademais de animar aos pequenos a acudir disfrazados. O público asistente investigará de xeito autónomo o funcionamento da proxección da luz nos corpos e nas superficies, texturas, cores, formas… Un espazo para crear e construír mundos propios ou compartidos botando man de materiais desestruturados e de refugallo (cartóns, papeis, cordas, pinzas, teas, celo, tapóns…). O obradoiro iniciarase cunha pequena presentación das 4 persoas que acompañarán este espazo ademais de amosar os materiais e as posibilidades do xogo, establecéndose grupos en distintos espazos e propostas que irán rotando.

A programación municipal de Entroido continúa o martes 21 de febreiro ás 18:30 tamén no Auditorio Municipal cun baile de disfraces con música en directo do trío Azar. Este está pensado para todos os públicos e incluirá premios para o disfrace máis divertido, o máis elaborado e a parella máis danzarina. O Concello de Nigrán aprazou o tradicional concurso de comparsas previsto para este sábado 18 ao venres 24 de febreiro ás 21:00 horas ante a nova do falecemento de Javier Martínez Giráldez pescando en Monteferro, veciño de Parada moi coñecido en todo o municipio. O Concello abriu desde onte venres ao martes 21 (inclusive) a posibilidade de que se inscriban novas formacións, que se sumarían ás 13 que xa o estaban.