Manifesto Miñor propón a construción dunha nova ponte sobre o río Miñor en Mañufe

As últimas enchentes dos ríos Miñor e Zamáns volveron abrir o debate sobre a necesidade urxente da recuperación da vella ponte de Mañufe para poñela en valor e sobre todo para evitar que acabe derrubada despois das múltiples agresións que leva sufrido, maiormente, nos últimos 50 anos. “O último anuncio neste sentido foi realizado hai 15 días a golpe de titular mediático polo Sr. Ferreira. Pois ben, como el mesmo di o proxecto de recuperación da Ponte Románica de Mañufe e da súa contorna está feito e valorado polo Arquitecto gondomarense Antonio Soliño. Persoa estudosa e comprometida con todo o que ten que ver coa recuperación e defensa do noso Patrimonio Histórico. Oxalá lle fixeran máis caso!!…. Iso si, o que non di o Sr. Ferreira é que ese proxecto leva varios anos durmindo nalgún caixón do seu despacho e, casualmente a cen días das eleccións municipais decide rescatalo coma que acaba de descubrir o Santo Grial”, lamenta Antonio Araújo.

Para Manifesto Miñor vai sendo hora que as promesas e os anuncios nos medios de comunicación que as máis das veces as autoridades municipais, e os políticos en xeral, fan cunha indisimulada intencionalidade electoral, comecen a ser cumpridas, sobre todo cando afectan a cuestións de tanta importancia como é o caso. “Cómpre ir tomando acordos ao respecto no máximo órgano de representación municipal como é o Pleno da Corporación, e en consecuencia ir substanciando o que se promete”. “Dende Manifesto Miñor coidamos que xa non procede seguir xogando coas expectativas e as necesidades da veciñanza, é dicir, calquera proposta de restauración ou recuperación integral da Ponte de Mañufe e da súa contorna, pasa necesariamente pola construción dunha nova ponte cos correspondentes accesos á parroquia pensados para o S. XXI e non para o S. XII como acontece na actualidade. Senón se ten isto en conta todo o demais é papel mollado”, engade Araújo.

Por este motivo, e para comezar a dar pasos que substancien as propostas ou os anuncios realizados publicamente polo Alcalde, Manifesto Miñor vén de presentar ao pleno deste mes de febreiro unha moción na que solicitan iniciar as xestións necesarias diante dos diferentes organismos con competencias no asunto (Deputación Provincial na súa condición de titular da estrada que pasa por enriba da Ponte de Mañufe; Xunta de Galicia por ser competencias súas tanto o referido Patrimonio Histórico como as actuacións nos ríos; Goberno do Estado, etc), co obxecto de obter financiamento, autorizacións, redacción de proxecto, etc, así como darlle as instrucións pertinentes aos técnicos do Concello para que procedan a estudar a mellor situación da nova ponte sobre o río Miñor e os devanditos accesos.