O PSOE lamenta “o silencio de Almuiña e do PP de Baiona ante as carencias crónicas do centro de saúde da vila”

O PSOE de Baiona lamenta “o silencio do Partido Popular e de Jesús Vázquez Almuiña ante as carencias crónicas do centro de saúde da nosa vila”. “O candidato do PP á alcaldía foi conselleiro de Sanidade e só a Xunta de Galicia pode solucionar os problemas que temos en Baiona na Atención Primaria”, asegura Fernando López, secretario de Organización dos socialistas da vila, que demanda ao Partido Popular local “que actúe e presione ao goberno galego para mellorar a situación”.

“Xa que están tan preocupados polo funcionamento dos servizos públicos en Baiona, debemos lembrarlle que a sanidade pública e a atención primaria son fundamentais, algún contacto debe quedarlle a Almuiña na consellería”, engade. Segundo a propia Xunta recoñece no Plan de Mellora de Atención Primaria de Galicia, no centro de saúde de Baiona faltan para cumprir cos radios recomendados dous médicos, un pediatra e tres enfermeiras máis, ademais de persoal administrativo, celadores e auxiliares de enfermería.

No persoal actual do centro de saúde hai sete médicos de familia, un pediatra e sete enfermeiras, pero hai unha baixa médica de longa duración sen cubrir, e no pasado verán non chegou o médico de reforzo polo incremento de veraneantes, como era habitual en anos precedentes. “Nos servizos comúns para o Val Miñor que se prestan na Xunqueira temos listas de espera de ata seis meses por unha cita en saúde mental, psiquiatría e psicoloxía, ou radioloxía”, engade López.