Os Reis de España entregan a Marine Instruments o Premio Nacional de Innovación

Marine Instruments, compañía de Nigrán líder a nivel mundial no desenvolvemento e fabricación de tecnoloxía adaptada á contorna mariña, recibiu de mans do rei Felipe VI e da raíña Letizia, o Premio Nacional de Innovación 2022. O Director Xeral de Marine Instruments, Gabriel Gómez Celaya, foi o encargado de recoller o galardón que acredita á compañía situada en Porto do Molle como a máis innovadora de España na categoría de pequena e mediana empresa.

Con este premio, Marine Instruments constitúese como un claro exemplo de empresa innovadora que, a través do desenvolvemento de tecnoloxías baseadas no coñecemento, pode transformar sectores tradicionais como o pesqueiro.

O director xeral da compañía indicou que, “a innovación supón para nós unha actitude, é un pensamento crítico de como podemos facer as cousas mellor. Co noso investimento en I+D, buscamos ofrecer solucións e servizos de alto valor engadido que axuden aos nosos clientes a ser moito máis eficientes na súa actividade”.

A entrega de premios celebrouse no Centro Niemeyer de Avilés e estivo presidida polas súas Maxestades os Reis, acompañados pola ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant.

Ademais de Marine Instruments, Rocío Arroyo e Sacyr foron os premiados nas categorías de Innovación, mentres que Inmaculada Bermúdez, Alba González e Enea nas de Deseño. Emilio García e Servizos Dixitais de Aragón recibiron mencións especiais. Todos estes profesionais e empresas foron galardoados por facer da innovación e/ou o deseño, ferramentas fundamentais no desenvolvemento da súa estratexia e do seu crecemento empresarial.

Vinte anos innovando para o ecosistema mariño

Marine Instruments, que neste 2023 cumpre 20 anos de traxectoria, experimentou neste tempo un crecemento constante, posicionándose como o fabricante líder de boias de atún satelitais a nivel mundial. Actualmente, comercializa a M3iGO, a primeira boia do mercado con Intelixencia Artificial e con sondas bifrecuencia, o que permite identificar con precisión a cantidade de peixe comercial que hai debaixo.

Como parte da súa forte estratexia de diversificación, a compañía tecnolóxica está a deseñar produtos innovadores para outros mercados verticais, como o da Acuicultura cun sistema de alimentación intelixente propio, o Marine Acoustic Smart System (MASS), ou a Seguridade e Defensa, co M5D-Airfox, un dron solar de á fixa que desempeña con gran eficacia misións militares de vixilancia e seguimento.

Innovación e sustentabilidade son os principais piares estratéxicos nos que se sustenta Marine Instruments. Así en materia de innovación, desde a compañía tecnolóxica non só contan cun 42% de enxeñeiros en persoal dentro do departamento de I+D+i, senón que, ademais, deseñan e industrializan o 100% dos seus produtos nas súas instalacións, reducindo ao mínimo o impacto ambiental e conseguindo un control total do proceso produtivo.

Nesa aposta pola sustentabilidade, Marine Instruments móstrase comprometido coa protección e a conservación dos océanos a través dunha xestión responsable e sostible dos recursos naturais. Por iso, participa en numerosos proxectos con institucións científicas facilitándolles a súa tecnoloxía e leva a cabo unha serie de accións e medidas co fin de reducir o plástico nos océanos.