Galician Medical Manufacturing xa fabrica en Porto do Molle próteses personalizadas para hospitais de toda España

O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, visitou as instalacións da empresa Galician Medical Manufacturing (GMM), que xa iniciou a súa produción de próteses personalizadas nunha das naves bioclimáticas de Porto do Molle, con maquinaria pioneira e única en España. A compañía fornece a hospitais como o Cunqueiro de Vigo ou os madrileños Gregorio Marañón ou Doce de Octubre implantes cirúrxicos en titanio con fabricación aditiva. Ademais da sanidade pública de Galicia, Madrid, Andalucía e Valencia, GMM conta con clientes na sanidade privada.

David Regades asegurou que “se trata dunha empresa á vangarda da innovación biomédica con catro novos emprendedores, que xa contan con clientes en toda Europa, onde exportarase a produción desde Porto do Molle. É un orgullo para Zona Franca albergar este proxecto”, sinalou.

GMM ten catro socios (Iago González Fernández, Guillermo Díaz del Río, Alejandro Casal e Andrés Vaquero) e o seu obxectivo é converterse nunha empresa de referencia en implantes personalizados e manufactura médica en España a medio prazo e no prazo máis inmediato empezar a dar servizo aos seus clientes en Europa e outros países de América.

GMM fabrica implantes e próteses personalizadas para tres especialidades (neurocirurxía, cirurxía maxilofacial e cirurxía ortopédica e traumatoloxía). Nas últimas semanas a empresa viviu un fito cando un dos seus enxeñeiros biomédicos deseñou e participou nunha intervención médica para a implantación dunha prótese pioneira de reposicionamento de esterno que, ata ese día, non se realizou en España con implante a medida.

A empresa cambia a forma de abordar estas cirurxías cunha resposta máis áxil, a través da manufactura aditiva para fabricar implantes cirúrxicos en titanio, adaptados ás necesidades de cada paciente. Esta fórmula reduce os prazos de espera, a estancia hospitalaria e a adaptación do implante a cada paciente diminúe o risco de erros.

As principais vías de negocio de GMM son tres, por unha banda, a fabricación de produto sanitario a medida, a actividade formativa asociada ao deseño e fabricación do produto sanitario a medida e por último asesoría técnica en materia de calidade. A liña de formación será un apoio imprescindible para a actividade da empresa nos seus inicios para a fidelización de clientes e para atopar talentos nos campos nos que a empresa traballa.

O obxectivo dos produtos de GM Manufacturing é satisfacer necesidades en canto a revisións protésicas personalizadas, outorgando unha alternativa aos pacientes cuxa anatomía/patoloxía desaconséllalles como usuarios das solucións estandarizadas xeneralizadas no mercado. Así mesmo, tamén ofrece solucións neuroquirúrxicas a craneotomías adaptadas á curvatura e defecto do paciente, conseguindo recuperar non só a funcionalidade anatómica senón estética.