Nigrán e Gondomar gardan un minuto de silencio en recordo de Beatriz Lijó

Un cento de veciños e veciñas de Nigrán, xunto ao alcalde e demais corporación municipal, protagonizaron esta mañá ás 10:00 horas a concentración e minuto de silencio convocada polo Concello de Nigrán en homenaxe a Beatriz Lijó Gesteira, asasinada este domingo en Baiona presuntamente pola súa ex parella.

Ante a fachada da Casa Consistorial, e coas bandeiras ondeando a media hasta en sinal de loito, a concelleira de Igualdade, Patricia Diego, pronunciou unhas breves palabras antes de comezar o minuto de silencio. “Estamos aquí para recordar a Beatriz e para acompañar e transmitir a nosa dor á súa familia e achegados”, sinalou Diego, quen condenou a violencia machista e apostou pola educación como base para erradicala da nosa sociedade. A continuación, gardouse un sepulcral minuto de silencio roto ao final por un longo e emocionado aplauso dos asistentes.

“Condenamos todo tipo de violencia machista sexa onde sexa, pero é certo que cando te toca tan de preto, nun concello irmán coma neste caso é Baiona, o sentimento de estupor e de consternación se palpa de xeito evidente na rúa”, comentaba o alcalde, Juan González, ao rematar a concentración.

Dúas horas despois a imaxe repetíase de maneira moi semellante en Gondomar. Aquí, na Praza Paradela, o alcalde Paco Ferreira reiterou a necesidade de acabar cunha lacra que fai tan só dous anos reuniu aos veciños para recordar o idéntico desenlace que sufriu Soledad Rey a mans do seu marido. “Son muchos. En nome da corporación sumámonos ás condolencias”, declarou.