
Podemos pídelle ao alcalde de Baiona que aclare á veciñanza no vindeiro pleno que ocorreu coas multas polas que está a ser investigado. A formación política cualifica, de ser certo o acontecido e agardando á resolución xudicial, de “feitos graves”, polo que consideran necesario que o alcalde, Carlos Gómez, compareza e aclare no vindeiro pleno, se é ou non responsable das acusacións de prevaricación administrativa e falsidade documental que deron lugar ao seu encausamento ao retirarse presuntamente a si mesmo cinco multas de aparcamento, utilizando unha tarxeta privada expedida polo Concello supostamente simulada.
O voceiro de Podemos no concello de Baiona, Agustín Silva, pídelle persoalmente e sempre respectando a súa presunción de inocencia, que “dea a cara e achegue unha explicación seria e fidedigna do acontecido en relación con este tema”. A formación considera necesario que o alcalde dea a coñecer á veciñanza se houbo ou non intencionalidade na presunta falsidade documental polo descrédito que xerou a noticia do seu encausamento nos servizos da Policía Local e nos do propio Concello e que dar as explicacións na casa de todas as baionesas/es sería o máis axeitado.
En Podemos consideran que “se o alcalde non ten nada que agochar e quere dar luz á sospeita que recae nel e no Concello dende que se coñeceron estes presuntos delitos, debe aclaralo canto antes e facelo publicamente como mostra do seu compromiso coa veciñanza de Baiona”.