
Manifesto Miñor poñerá en coñecemento das autoridades competentes o recente asfaltado do Torreiro de Mañufe levado a cabo polo Concello de Gondomar, “que como mínimo está no límite da legalidade”, comezando por Patrimonio da Xunta de Galicia sen descartar outras instancias xudiciais. “Como nos mellores tempos do caciquismo máis rancio, agora modernizado polas Redes Sociais e da man dun alcalde que presume do contrario e, obviamente coa bendición da Deputación Provincial, volve ulir a asfalto fresco polas corredoiras e os torreiros da parroquias de Gondomar. Iso si, en lugares escollidos polo Sr. Ferreira onde exercer e alimentar un clientelismo político desaforado que algúns críamos desterrado do noso concello. Por sorte, a veciñanza hai tempo que sabe distinguir as actuacións electoralistas das que son en beneficio da maioría. Actuar á desesperada dá a medida do temor a que ten o Sr. Alcalde a perder a poltrona e todo que iso conleva. Nesta tesitura debe estar o Sr. Ferreira para atreverse a asfaltar de maneira inmisericorde o Torreiro de Mañufe”, declara Antonio Araújo.
Para o voceiro de Manifesto Miñor este asunto ten máis gravidade do que parece. “Primeiro porque promoveu unha actuación con cartos públicos nunha propiedade privada cuxa titularidade é do Bispado de Tui-Vigo. Segundo porque perpetrou un asfaltado nun espazo de indubidable valor patrimonial onde existe unha igrexa de estilo Barroco Galego do S. XVIII construída sobre os restos doutra Románica do S. XII, a maiores dun cruceiro tamén Barroco ou dun palco cuxa construción en pedra é un bo exemplo da mestría dos canteiros da zona. E en terceiro lugar porque todo isto foi realizado sen os pertinentes estudos, proxectos e autorizacións de Patrimonio por seren elementos catalogados e protexidos”, denuncia Araújo. “Dito isto, ninguén nega que o devandito torreiro precisaba dalgúns coidados, agora ben, ao Concello só lle correspondería colaborar coa propiedade e procurar que non se estragase un importante legado patrimonial inserido nunha zona onde a seu carón está situado o Pazo da Escola e outras construcións singulares. Con semellante actuación o goberno municipal demostrou moi pouca sensibilidade co noso Patrimonio Cultural, por non dicir un nulo interese polo mesmo”.
“A rapidez desta actuación contrasta coa negativa do Alcalde á hora de cubrir as necesidades nas parroquias do Concello como son o arranxo de camiños, saneamento, etc, que a veciñanza lle reclama. Cando isto ocorre sempre ten a man a desculpa que Patrimonio non o permite ou que a Intervención e a Secretaría municipais informan desfavorablemente. Neste caso igual que para os centos de levantamentos de reparo para pagar o que a el lle convén, non ten problema saltar por enriba da Lei. Claro, que o Torreiro de Mañufe é un excelente escaparate con moita visibilidade e boa fotografía. O Sr. Alcalde, igual que o resto de cidadáns, está obrigado a cumprir a Lei, e no seu caso coa encomenda a maiores de facela cumprir. Preguntado por isto o Sr. Alcalde no Pleno desta semana, deu a calada por resposta”, conclúe Araújo.