Bouzós acusa a Ferreira de “covarde” ao non apoiar solicitar á Deputación, Xunta e Estado axudas polas inundacións

Este pasado xoves o pleno do concello de Gondomar debateu unha moción do Partido Popular na que se pedía instar ao Goberno Central, á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra a sinatura dun acordo cos concellos da provincia afectados polos temporais, no que as tres administracións acheguen recursos, para ofrecer unha resposta conxunta ante unha situación extraordinaria. Esta mesma moción foi debatida o venres no pleno da Deputación de Pontevedra e foi aprobada por unanimidade, por iso Paula Bouzós non entende que a concelleira e deputada Iria Lamas votara en contra en Gondomar e a favor en Pontevedra. “Con esta moción o PSOE e os seus membros veñen a demostrar a súa falta de criterio, e que son capaces de votar a prol e en contra dunha mesma moción en cuestión de horas, algo ao que por desgraza xa nos teñen acostumados”, argumenta a voceira do PP de Gondomar.

Na moción presentada pola voceira do Partido Popular expuñan que a finais de decembro e comezo de xaneiro producíranse diversos fenómenos meteorolóxicos adversos, con fortes temporais que provocaron inundacións e danos en varias zonas da provincia, especialmente no Concello de Gondomar. Argumentaba Paula Bouzós que durante eses días, o GES, Policía Local de Gondomar, Garda Civil, o 112-Galicia e os servizos de emerxencia demostraron unha vez máis a súa eficiencia, dándolles resposta áxil ás numerosas incidencias rexistradas, e que a través destes servizos, a Xunta estivera en todo momento a carón tanto dos concellos coma das persoas. Por estes motivos convidaban á Deputación de Pontevedra e ao Goberno central que aceptasen a proposta que lanzara o Goberno galego para asinar un convenio cos concellos afectados polos temporais para dar unha resposta conxunta a unha situación extraordinaria. Un compromiso das tres administracións para achegar recursos.

A moción foi rexeitada logo do voto favorable de todos os grupos da oposición, e o voto en contra de Paco Ferreira e o seu equipo de goberno, “que lonxe de estar ao lado dos afectados sacou a relucir a súa covardía e negouse, máis unha vez, a esixirlle á Presidenta da Deputación, Carmela Silva, que asuma as súas competencias de cooperar técnica, xurídica e economicamente cos concellos, especialmente cos de menor capacidade económica e de xestión”. No mesmo pleno o Partido Popular de Gondomar apoiou todas as iniciativas que se presentaron tanto por parte do Alcalde como dos restantes membros da Corporación para solicitar axuda para todos os afectados polas inundacións que se produciron no concello de Gondomar, a pesar de que Paula Bouzós presentara emendas que o alcalde rexeitou de plano mesmo antes de escoitar o que se propuña.

“Parece que o alcalde ten medo a esixirlle á súa presidenta Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, que colabore economicamente cos concellos afectados polos temporais dos pasados días. Paco Ferreira demostra con estes actos que lle interesa máis o seu partido que o benestar dos veciños de Gondomar, e que son capaces de facer unha cousa e a contraria en cuestión de horas. Queda máis que demostrada a súa falta de criterio e pon en dúbida a credibilidade dun goberno municipal que actúa sempre con improvisacións e ocorrencias”, manifestaba Paula Bouzós, voceira do Partido Popular de Gondomar.